Un concerto conmemora os 50 anos do regreso do exilio de Bal y Gay e Rosita G. Ascot

En 1965 regresaban de México o músico lucense Jesús Bal y Gay e a pianista Rosita García Ascot. Cincuenta anos despois un concerto do guitarrista Samuel Diz conmemora esta cuarta feira en Lugo os 50 anos do fin do seu exilio. 

balrosita
photo_camera balrosita

O músico Samuel Diz continúa o traballo de difusión da música e figura de Bal y Gay cun concerto que conmemora os 50 anos do seu regreso do exilio, canda a súa compañeira, a pianista Rosita G. Ascot. A conmemoración desenvolverase esta cuarta feira, 27 de maio, na Casa do Saber da USC en Lugo, no marco do Festival de Música Cidade de Lugo, no que xa en 1973 se lle tributou unha homenaxe na que participou Luís Seoane. 

Samuel Diz, que leva anos recuperando a figura de Bal y Gay, lembra que o regreso do músico “foi tímido, sen bombo e platillo”, en tempos nos que aínda pervivía a ditadura que levara ao músico ao exilio. Co concerto de Lugo lembra “a vida e obra de Jesús Bal y Gay no mesmo marco no que en 1973 o público lucense escoitou por vez primeira a súa obra para orquestra”. 

Consello de Ánxel Fole

“O criterio e personalidade neoclásicas de Bal y Gay, que potencian a súa amizade con Igor Stravinsky durante a estanza en México, están presentes na súa Pastoral de 1933 dedicada ao guitarrista Regino Sainz de la Maza”, explica, nas notas elaboradas para o concerto que terá lugar en Lugo esta cuarta feira arredor dunha estética neoclásica que tamén presidiría a súa Serenata para orquestra de corda de 1941-42. 

Samuel Diz recolle a testemuña de Claudio Rodríguez Fer, asistente tamén ao concerto de 1973 de Lugo en homenaxe ao músico.”A miña asistencia, impresionada e emocionada, ao concerto na Igrexa de San Pedro de Lugo absolutamente ateigada de público, foi tanto debida ao consello do meu vello amigo Ánxel Fole como ao meu fervor por descubrir a entón aínda oculta cultura da diáspora. Lembro entre o público a Celestino Fernández de la Vega, gran valedor de Bal, e a moitos outros intelectuais que daquela eu non identificaba (Álvaro Gil, Luis Seoane, Domingo García-Sabell, Xosé Filgueira Valverde)”, sinala Rodríguez Fer nunha explicación recollida no texto de presentación do concerto por Samuel Diz. 

Comentarios