Os concellos do BNG comprométense cun decálogo a apoiar o teatro

No Día Mundial do Teatro, o BNG fixo público un decálogo de propostas para a promoción das artes escénicas que se compromete a desenvolver desde os concellos que gobernen. 

TEATRO
photo_camera TEATRO

Narices vermellos diante do Salón Teatro de Compostela para presentar as dez propostas coas que o BNG quere impulsar o teatro desde os concellos que gobernan. Manuel Lourenzo, Artur Trillo e Isabel Risco participaron nun acto no que se criticou a falta de apoio por parte da Xunta da nosa cultura e se defendeu unha política cultural que promova e desenvolva a creatividade dun sector que está vivo por vontade propia. A deputada Ana Pontón ou o voceiro no concello de Compostela, Rubén Cela estiveron tamén presentes no acto. 

“Os momentos de maior brillantez nas artes escénicas, con presenza de compañías estábeis e a promoción do teatro amador, coinciden con períodos de aposta por converter a cultura nunha prioridade e por entender as múltiplas dimensións que posúe o feito teatral”, sinalaron no comunicado lido no acto no que rexeitaron a crise como argumento para a falta de apoio, en especial vistos o despilfarro en expresións “artísticas foráneas e polos espectáculos para un día”. 

Decálogo de propostas

O decálogo que o BNG fixo público no Día Mundial do Teatro compromete aos concellos a fomentar as industrias culturais, con especial atención á edición, artes escénicas, música, artes plásticas e investigación. Os concellos botarán a andar iniciativas para impulsar as artes escénicas, readaptar espazos municipais para a súa representación, albergar novos espazos creativos ou realizar mostras e circuítos de teatro e danza. Tamén prestarán especial atención os gobernos municipais nacionalistas ao teatro amador e á colaboración co tecido asociativo e os centros de ensino para contribuír a potenciar novos públicos e creadores e creadoras. Os concellos establecerán tamén colaboracións entre eles para  xerar redes e desenvolver circuítos de contratación. 

Comentarios