luns 01.06.2020

Concello de Tomiño: Obituario de Xosé L. Franco Grande

Concello de Tomiño: Obituario de Xosé L. Franco Grande

“Conforme pasa o tempo e nos imos facendo vellos un vai decatándose de que a nosa vida ten moi fondas raigañas”

Eran as primeiras verbas coa que Xose Luis Franco Grande quixo brindarlle a última homenaxe a súa tía Rosalía de Barrantes. Corría o ano 2014, e escolleu un medio sinxelo, o libro de Festas do Alivio, para inmortaliza con tinta e papel o nome de quen lle dera tanto. Foi Tomiño para Franco Grande “un mundo inesgotable que vai entullado nas miñas profundidades máis sotarregas” e foi Franco Grande para Tomiño facho de luz sempre aceso.

Xose Luis Franco Grande naceu en Tebra no ano 1936. Fillo de mestres, foi o responsable do primeiro Diccionario galego -castelán (1968), iniciando o camiño da normalización da nosa lingua. Alma da xeración esquecida que durante a ditadura fixo de ponte entre os represaliados do Grupo “Nós” e a Xeración Galaxia. Homes do silencio que souberon construír nas tebras da posguerra o tombo da cultura galega.

Foi Franco Grande un creador literario sen tregua, activo até os derradeiros días da súa vida, contribuíndo de xeito explícito á Galicia do presente.

Fixo camiño primeiro coa poesía acadando diversos premios (Premio Eduardo Pombal, 1955; Premio Nacional de Literatura Rosalía de Castro, 1967); máis tarde, fixo incursión no xenéro teatral da que destacamos a obra Vieiro choído. Tamén desenvolveu unha labor constante como articulistas en diversos medios como La Noche, Vida Gallega, Grial, La Voz de Galicia. Pero será na radio o medio no que moitos o lembraran baixo a dirección do espazo radiofónico Raíz e Tempo que semanalmente emitía La Voz de Vigo. Fito na historia da radio do noso país por ter acadado as maiores cotas de audiencia nun programa dedicado a literatura.

Home versátil e comprometido coa cultura, foi más alá dos círculos tradicionais de dinamización cultural e compuxo xunto con Joan Baéz e Xosé Manuel Beiras o poema “Venceremos nós”, himno das mobilizacións estudiantís contra o franquismo no 1968. Tamén se lle lembrará pola participación na creación do Partido Socialista Galego na clandestinidade.

Na actualidade era membro numerario da Real Academia Galega e membro do consello reitor do IGADI. Compaxinaba os seus artigos na prensa escrita coa impartición de conferencias sobre literatura e pensamento político. Un ámbito do que nos quedarás as súas últimas publicacións Os anos escuros (2004), Cando o futuro comeza (2009) , Outra política para outros tempos (2015) ou A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos (2020)

Un compromiso con Galicia que permanecerá por sempre na historia. Un legado inmortal no que Tomiño e, e como el dixo no texto citado ao comezo, a “tía Rosalía van xuntos e agochados moi fondo nas miñas lembranzas de neno- ese tempo do que Rainer María Rilke dixo que é a patria do ser humano.”

O Goberno local de Tomiño quere recoñecer con estas verbas o compromiso e labor do seu Fillo Predilecto (2011) Xose Luis Franco Grande quen faleceu esta noite e quen fixo de Tomiño a súa patria.

Concello de Tomiño

comentarios