O concello de Pontevedra adquire por 3,2 millóns o convento de Santa Clara

Convento de Santa Clara, na cidade de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
O Goberno local pontevedrés e a dirección das Clarisas, en Compostela, acadan un preacordo de venda que inclúe as edificacións conventuais, as zonas verdes e o muro perimetral da propiedade.

Na xornada de hoxe o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo o anuncio de que o Goberno local fechara un preacordo económico verbal para adquirir o convento de Santa Clara.

A compra, que ascende a 3,2 millóns de euros, inclúe as edificacións conventuais, as zonas verdes e o muro perimetral, mais non os bens móbeis, como os retablos ou o órganos, cuxo destino aínda se está a negociar.

“Este é un dos anuncios que máis orgulloso me fai sentir como alcalde porque traballamos pola cidade, polo ben común, pola conservación do patrimonio e porque melloramos os equipamentos para os pontevedreses e as pontevedresas", sinalou Fernández Lores, que tamén considerou que unha operación "desta envergadura só a pode levar a cabo un goberno con experiencia, estabilidade e solvencia".

Na súa comparecencia diante da prensa, o alcalde cualificou a compra de Santa Clara como "unha grande operación urbanística á altura da que puido ser a mediados de 1.800, da man de Alejandro Sesmeros, cando incorporou a Alameda e as Palmeiras á trama urbana".

Fernández Lores explicou que o proceso administrativo arrancará "nestes días e poderá ter unha duración duns meses" e recalcou que se trata "dun acordo moi bo para Pontevedra", aínda que "a negociación foi dura e firme polas dúas partes".

Máis alá da cuestión administrativa que afecta á compra do inmóbel, o Goberno pontevedrés traballa nuns estudos en profundidade, tanto topográfico como taquimétrico e histórico-arqueolóxico dos que se tiren as chaves da futura dedicación do equipamento.

"Ten que ser público, ao servizo dos pontevedreses, e non descartamos negociacións con outras administracións, especialmente con la Deputación provincial", engadiu o alcalde.

O proceso e as cifras

O convento ten unha superficie intramuros de 12.606 m², dos que 5.417 m² son edificación, tres andares, xardíns e escadas e ramplas exteriores. Esta catalogado como ben de conservación monumental e foi fundado en 1271, e renovado no século XIV. 

Os seus fundadores foron Pedro Rodríguez e Teresa Páez de Sotomayor e garda unha importante memoria vinculada á cidade e estivo habitado por unha comunidade de monxas até 2017.

Foi entón cando Miguel Anxo Fernández Lores se achegou a Compostela para reunirse coa responsábel das Clarisas e comezar o diálogo co que onte se chegaba a acordo.