O Concello de Ourense volve incumprir o acordo do pleno e non celebra o Día de Rosalía

Non realiza ningún acto nin actividade este día desde o inicio do actual mandato.

O rexedor ourensán durante unha rolda de prensa. (Foto: Europa Press) #ourense #democraciaourensá #pactogoberno #gonzalopérezjácome #jácome #pp #alcaldía #baltar
photo_camera O rexedor ourensán durante unha rolda de prensa. (Foto: Europa Press) #ourense #democraciaourensá #pactogoberno #gonzalopérezjácome #jácome #pp #alcaldía #baltar

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense lamentou que, “un ano máis”, o Concello non programe ningún tipo de actividade co gallo do 23 de febreiro, data de nacemento de Rosalía de Castro e día celebrado por toda a Galiza, “amosando unha vez máis un profundo desprezo pola cultura propia do país”.

A concelleira do BNG Rhut Reza lembra que xa en 2014 e a instancias do BNG, “o concello comprometeuse a celebrar anualmente o día de Rosalía, declarado actualmente o 23 de febreiro”, e engade, “mais desde inicio de mandato, primeiro co goberno PP-Democracia Ourensá e agora co goberno de DO en solitario, rompeuse o compromiso adquirido e desde a institución nada se fai para dignificar a obra da artífice da recuperación ligüística e literaria do noso país”.

Desde o BNG lembran ao actual grupo de Goberno que “o Día de Rosalía forma parte do calendario do Concello de Ourense polo que a institución debera realizar actividade de promoción e divulgación da obra súa implicando ao conxunto da veciñanza”.

Rhut Reza tamén quere lembrar e recoñecer “o traballo e o esforzo realizado por moitas persoas ao longo do tempo, o que permitiu que hoxe poidamos transmitirlle ás novas xeracións a imaxe dunha muller forte, rebelde, libre, culta, feminista, adiantada ao seu tempo e sen pelos na lingua na defensa de Galiza e da muller labrega e traballadora dobremente explotada”.

No BNG destacan que Rosalía foi unha escritora radical, incorformista, librepensadora e “determinada en escribir na lingua que falaba o pobo cando ninguén o facía”. Desde o BNG animan á veciñanza “a que agasalle ás persoas queridas cun libro escrito en galego e cunha flor tal e como propón a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega desde o ano 2010”.

Centos de actos lembran estes días a poeta nacional galega. Desde o Parlamento até as Deputacións pasando por numerosos concellos, entidades públicas e privadas e centros de ensino súmanse a conmemoración da data en que naceu Rosalía de Castro.

O Día de Rosalía xurdiu como unha proposta da Asociación  de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG): agasallar cunha flor e cun libro en galego as persoas queridas para celebrar a literatura do país. Mais a idea prendeu na sociedade, que tomou a dirección e que transformou a data nunha festa que lembra Rosalía e a súa obra mais tamén festexa a lingua e a cultura da Galiza.  

Comentarios