O Concello de Compostela multa concertos en locais nocturnos, mesmo os da rede da Xunta

O concerto desenvolvíase nun local nocturno da cidade. No remate dous policías multaron o establecemento pola “ilegalidade” da actuación. Formaba parte da Rede Galega de Músicas ao Vivo, de Agadic. Unha campaña pide silencio nas rúas e música nos locais da capital galega. 

dedo

Na quinta feira o Ultramarinos programaba un concerto de Xoán Curiel dentro do ciclo da Rede Galega de Música ao Vivo, promovido por Agadic. Guitarra e voz acompañada ás veces por cavaquinho e viola. No fin, dous policías impuxeron unha multa ao establecemento por se tratar, segundo explicaron, dun concerto “ilegal”. O episodio forma parte da decisión de prohibir a música ao vivo que está a executar o goberno municipal e que atopa coa protesta do sector, dos establecementos de hostalería e da propia cidadanía que se agrupa na Plataforma Compostela Territorio Musical que está a desenvolver unha campaña de apoio á programación musical que, segundo defenden, non xera ruído nas rúas da cidade. 

A Plataforma Compostela Territorio Musical está a desenvolver na rede a campaña #eudivírtomesenmolestar na que convidan a pendurar unha foto co xesto de pedir silencio nas rúas e defender ao tempo a música ao vivo na cidade. “Na rúa (e sobretodo de noite), fala baixiño!! Divírtete sen molestar! AXÚDANOS a respectar o descanso d@s veciñ@s!!”, din ao tempo que identifican que o verdadeiro problema é “o ruído na rúa. Cremos que divertirse e respectar o descanso d@s veciñ@s é totalmente compatible, só debemos mentalizarnos tod@s de que na rúa non debemos berrar, e de que non por facelo nos imos divertir máis”, anotan. 

Tema sen resolver 

“O tema é que non está resolto e, polo tanto, continúa a ser ilegal programar música ao vivo nos locais da zona vella, o que xera unha situación de desordenación”, explica Xacobe Martínez Antelo, voceiro da Plataforma Compostela Musical que desenvolveu unha rolda de encontros entre a veciñanza e representantes de músicos e hostaleiros na que, segundo sinala, se “resolveu que a música ao vivo non é fonte de ruído nin conflito senón todo o contrario e de aí vén a campaña “divírtome sen molestar”, polo noso compromiso para solucionar o conflito”. 

A Plataforma quere concienciar a xente de que a música nos locais non xera ruído, mais o que cómpre é controlar o barullo nas rúas

A Plataforma quere concienciar a xente de que a música nos locais non xera ruído, mais o que cómpre é controlar o barullo nas rúas. “As rúas de maior saturación acústica da cidade como a Raíña ou o Franco non teñen locais que programen música e iso demostra que non son os concertos os que xeran o problema, co cal vivimos nunha situación surrealista á que cómpre poñerlle remedio”, defende Martínez Antelo que pon como exemplo o concerto do Ultramarinos multado polo Concello e programado dentro da Rede da Agadic. 

“O mellor que sempre tivo esta cidade, ao meu entender, é a multitude de propostas culturais que un sempre se podía atopar en cada recanto, nas prazas e en moitos locais, propostas de todo tipo, grandes e pequenas, máis profesionais ou máis amateur... e penso que esta era unha das razóns pola que infinidade de xente de fóra visitaba Compostela cada ano.. porque chegaban a un lugar onde se respiraba cultura en todas partes”, anota o músico Xoán Curiel na súa páxina de facebook, na que demanda asinar contra a postura municipal que está na base, entre outros, da anulación do concerto que cada terza feira ofrecían Marcos Pin á guitarra e Xacobe Martínez Antelo no Hervor e Fervor da cidade.  

Comentarios