O ATENEO NON DESCARTA DEMANDAR O CONCELLO DE FERROL POLO TRASLADO DOS SEUS FONDOS

“O concelleiro despreza o mundo da cultura”

Entrevistamos o investigador Eliseo Fernández, presidente do Ateneo ferrolán, unha entidade fundada en 1879 e formada na actualidade por máis de 300 socios.

Eliseo Fdez. (L.Polo)
photo_camera Presidente do Ateneo de Ferrol. Foto: L. Polo


No peor momento asumiu o investigador Eliseo Fernández a presidencia do Ateneo Ferrolán.
Cando foi elixido hai xa oito meses, adebedábanselle nóminas aos traballadores e non estaba ao día con Facenda e mais a Seguridade Social. Ademais, atopábase en pleno conflito co goberno local por reubicar na súa sede –un edificio do século XVIII- outras entidades da cidade como a AVV Zona Centro, a Sociedad Filarmónica Ferrolana ou a Sociedad Artística Ferrolana. Por se fose pouco, o Concello, que acometeu unha profunda reforma no inmoble, négase a abonar o custo do traslado e custodia dos seus fondos, polos que a empresa de mudanzas le reclama máis de 39.000 euros. 

-Como están as cousas nestes intres?

Agora mesmo estamos agardando pola sentenza do xuízo que tivo lugar o pasado día 17. A empresa de mudanzas reclámanos a nós 39.000 euros polo traslado e depósito dos nosos fondos cando comezaron as obras no edificio, unha reforma que financiou o Concello ao se tratar dun inmoble da súa propiedade. Nós esiximos ao goberno local que asuma a súa responsabilidade nunha intervención que fixo nun edificio seu, mais até o de agora non foi posíbel o diálogo nin co concelleiro de Cultura nin co alcalde.

-Tan mala é a relación?

Co concelleiro falamos hai tempo, mais non é unha persoa doada de tratar. Non ten capacidade de diálogo nengunha, demostra moi pouca educación, é moi autoritario e coido que despreza profundamente o mundo da cultura, principalmente a de base, a máis participativa… O señor Reyes García ten unha visión moi pechada do que interesa ou non do punto de vista cultural. De feito, adoita dicir amolado que en Ferrol hai máis dun cento de entidades culturais... Como se iso fose unha desgraza!  Este concelleiro gosta da cultura “desde arriba” e patrocina empresas como Eulen, que xestiona os contedores culturais da cidade. Porén, esa perspectiva cultural xa conduciu a varios batacazos, como o concerto de David Bisbal, que foi un fracaso maiúsculo.

-Intentárono co alcalde?

Desde que foi elixida a nova equipa directiva, hai xa oito meses, solicitamos por cinco veces unha entrevista co alcalde, para nos presentar a el como xunta e para ver o modo de solucionar os conflitos abertos, principalmente o do traslado dos fondos. Coidamos que a reforma do edificio sobarda os límites da área de Cultura. Até o de agora non nos recibiu.

-Agardan unha sentenza favorábel?

Este xuízo vainos abrir as portas para demandar o Concello, con moitas posibilidades de gañar, porque tanto o arquitecto do proxecto, Alfredo Alcalá, como os representantes da empresa de mudanzas afirmaron que pensaban que o traslado estaba incluído nas propias obras. É que é o lóxico: se unha administración leva a cabo unhas obras nun edificio da súa propiedade enténdese que asumirá todos os gastos.

O señor Reyes García adoita dicir amolado que en Ferrol hai máis dun cento de entidades culturais... Como se iso fose unha desgraza!

En troques de facelo así, o Concello busca na letra pequena as “trampulladas” para evitalo e cargárnolos a nós. Ademais, eses 39.000 euros puideron quedar na metade se no momento de recepcionar as obras, en xaneiro de 2013, lle pagase á empresa de mudanzas. O depósito dos fondos incrementou a factura en 600 euros mensuais desde aquela.

-Que teñen os fondos do Ateneo?

Entre outras cousas, temos unha importante biblioteca e unha hemeroteca con exemplares únicos en Galiza, como unha edición completa do xornal “La Democracia”, que se editou na década dos 90 do século XIX. Ademais, temos unha colección pictórica, de máis de medio cento de cadros, entre os que se atopa un Naseiro, e outra pequena de arqueoloxía.

-Reciben algunha subvención?

Ningunha. Até que o PP gañou as eleccións en 2011 recibiamos unha subvención municipal por prestar o servizo de hemeroteca e biblioteca, mais esta corporación eliminouna. É curioso, porque os gobernos do PP anteriores si que a mantiveron…

-E cal é a situación económica e a relación coas outras entidades que “okupan” a sede do Ateneo?

A situación económica é complicada, mais imos asomando a cabeza. Cando chegamos estaba sen pagar o certame de gaitas Constantino Bellón e debiámoslles cartos aos traballadores, a Facenda e á Seguridade Social. Cos empregados chegamos a un acordo de adiamento do 30% das nóminas e xa estamos ao día nas cotizacións e seguros sociais. No referido á “convivencia” coas outras entidades que nos meteron na nosa sede, mantemos unha relación de cordialidade coa Filarmónica e a SAF, mais non coa asociación de veciños. Por alí non van nunca e cando o fan é para denunciar o acoso ao que supostamente están sometidos. O caso é que o Concello está a fomentar a inemizade entre as asociacións, cando hai locais municipais abondo para relocalizalas. Para nós é moi incómodo compartir con elas o noso salón de actos, cos nosos equipos e o noso persoal. Pensan que os nosos traballadores son municipais e que están ao seu servizo… E non é así. Ademais, a reforma anterior do edificio financiárona cos seus cartos os socios do Ateneo, que interpretan esta ocupación como un espolio. 

Comentarios