xoves 15/04/21
Exposición

A "comuñón conceptual" de Mallo e Seoane

A exposición Creacións máxicas de medidas exactas. Maruxa Mallo e Luís Seoane en Bos Aires (1936-1965), inaugurada a sexta feira 10 de xaneiro, estará no Museo Ramón María Alller (Lalín) até o vindeiro 13 de marzo.
Detalle do cadro 'Lavandeira' (Luís Seoane, 1963).
Detalle do cadro 'Lavandeira' (Luís Seoane, 1963).

A exposición Creacións máxicas de medidas exactas. Maruxa Mallo e Luís Seoane en Bos Aires (1936-1965) reúne 43 obras realizadas polas dúas artistas no período de exilio na Arxentina, 25 de Seoane e 18 de Mallo. Inaugurada a sexta feira 10 de xaneiro, estará aberta até o vindeiro 13 de marzo no Museo Ramón María Aller de Lalín.

Mallo e Seoane son compoñentes do vangardismo histórico, que tivo a súa eclosión no primeiro terzo do século XX, e cuxas linguaxes renovadoras se prolongaron ao longo das seguintes décadas. As dúas pintoras compartiron contexto no exilio e foron amigas, se ben "os compromisos eran distintos", relata o comisario, o catedrático de historia da arte Antón Castro, quen tamén coñeceu Mallo. 

A muller como constante

O discurso expositivo responde a reflectir como viviron ambas o exilio. Castro sinala que teñen unha "comuñón a nivel conceptual", aínda que nos dous casos desde propostas estéticas moi diferentes. E é que "ambos parten da arte popular" e partillan, ademais, unha actitude de referencia fundamental na figura de Joaquín Torres García.

Castro sinala que teñen unha "comuñón a nivel conceptual", aínda que nos dous casos desde propostas estéticas moi diferentes

Igualmente, ambas presentan unha "filosofía en torno á muller", liberada no caso de Mallo, que se baña na praia ou fai deporte, pero non ligada ao campo e ao mar de maneira tan directa como na obra Seoane. "A arte popular é a representación lírica da forza creadora do home", escribía Mallo, referindo unha potencia que constrúe esas "creacións máxicas de medidas exactas" que dan título á mostra.

Fóra dos 100 óleos de  Maruja Mallo

Guillermo de Osma, coleccionista de Maruja Mallo, defende a tese de que só elaborou 100 óleos, afirmación que desmenten os tres maiores expertos galegos no tema: Ramón Barreiro Fernández, Pilar Corredoira e Beatriz López Morán. Conta Castro que a exposición foi difícil de artellar polo temor dos museos a acoller mostras da pintora ante as denuncias que o galerista madrileño xa ten feito en ocasións previas.  

O catálogo razoado da exposición preséntase o 22 de febreiro.

comentarios