Compostela: a teima de Afonso X

No caderno Coñecer, que atoparás maña no quiosque xunto co teu Nós Diario de sempre e o semanario Sermos, vas descubrir a historia dun monarca que reinou contra a Galiza. Así mesmo, fornecémosche temas como a obra literaria de Concha Castroviejo.
Imaxe da reportaxe que sae publicada mañá no caderno Coñecer. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da reportaxe que sae publicada mañá no caderno Coñecer. (Foto: Nós Diario)

Se na actualidade o mundo académico semella ter bautizando a nosa como a “era das comunicacións”, sen dúbida un dos seus elementos máis icónicos e influentes son xa as coñecidas como noticias falsas ou fakenews. Porén, a intencionalidade presente detrás dos textos e a súa capacidade para mudar a sociedade representa unha constante na humanidade, mesmo desde os inicios da propia escritura na Antigüidade.

Uns dos testemuños máis evidentes do poderío político-económico acadado polos reinos da Galiza e de Portugal ao longo dos séculos XII e XIII, as cantigas galegas e portuguesas, escritas e interpretadas ao longo da Idade Media, tampouco foron creacións alleas a este fenómeno.

Abonda con botar a ollada cara aos louvores políticos que afloran nas cantigas de célebres trobadores, tales como Paio Gomes Chariño ou Pero da Ponte, onde se gaban as figuras de certos reis e as súas conquistas, especialmente contra o mundo andalusí.

Con todo, na outra cara da moeda, non menos intencionadas resultaron as acedas críticas que inundan boa parte da produción lírica medieval, nas que se censuran defectos morais como a avaricia, a falsidade, ou a deslealdade, vicios que o rei castelán tradicionalmente coñecido como Afonso X “o Sabio”, non dubidou en dedicar a boa parte dos nobres e cabaleiros dos seus reinos.

Fortes tensións

Non foi circunstancial, tras a sátira que envolve as cantigas anti-señoriais de Afonso X atopábase a existencia de fortes tensións entre un monarca que aspiraba a gobernar con man dura e un séquito de nobres que ansiaba un reparto máis favorábel do poder: un choque inevitábel que finalmente levaría a Sancho IV, primoxénito de Afonso X, a organizar unha conxura que acabou por derrocar o seu pai no ano 1282.

Unha revolta na que participaría activamente Estevo Fernandes de Castro, pertigueiro da Terra de Santiago e a máxima autoridade política no reino da Galiza. 

Mais lonxe de motivacións persoais, a participación de Estevo Fernandes de Castro revelou a existencia dun sector da nobreza galega que, tras 40 anos de dominio castelán, estaba disposto a facer valer a súa posición e mesmo a recuperar a independencia perdida en 1230, cando o rei castelán Fernando III, pai de Afonso X, usurpara violentamente o trono de Compostela ás futuras raíñas galego-leonesas, iniciando deste xeito o dominio castelán sobre o reino da Galiza. 

Queres continuar con esta interesante lectura? Non tes máis que ir mañá ao quiosque ou acceder á nosa tenda online para facerte co Nós Diario e co caderno Coñecer. Tamén vas atopar artigos de opinión e reportaxes sobre as bandeiras e a autora Concha Castroviejo, entre outros contidos. Para que non o esquezas outra fin de semana, podes facer a subscrición xa!


 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios