Promoción da riqueza patrimonial nun vídeo

Compostela Rupestre pon en marcha o Plan Director

A Deputación da Coruña reúnese cos concellos que integran Compostela Rupestre (Santiago, Val do Dubra, Teo, Ames e Brión) para a posta en marcha do Plan Director e o relevo presidencial entre Ames e Teo.
montagem
photo_camera Xosé Regueira, David Santomil, María López, Mayte Argibay e Xosé Luís Penas, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Ames cedeu o relevo ao de Teo á fronte do parque Compostela Rupestre, cuxo consello directivo realizou esta terza feira unha xuntanza.

Unha cita na que ademais de asumirse, por un ano, a presidencia por parte de Teo, tamén se presentou un vídeo promocional arredor da riqueza arqueolóxica da zona e déuselle a aprobación ao desenvolvemento da redacción do Plan Director que agora se inicia.

Este Plan Director, que ten seis meses de execución e foi adxudicado por concurso á empresa Trivium, ten como obxectivos "investigar o patrimonio rupestre dos municipios que integran o proxecto; protexer, manter e conservar a riqueza arqueolóxica e o seu ámbito físico, divulgar e comunicar e deseñar o modelo de xestión de cara a actuacións futuras".

Entre outros petróglifos, estudaranse os do Vilar, Oca e Peneda Negra en Ames; Monte Pumariño en Brión; Correxíns, O Rexio, Castriño de Conxo e A Pedra que Fala en Compostela;  Río Angueira, Outeiro do Corno e Pedra Bicuda do Loureiro no concello de Teo; e Pedra do Home en Val do Dubra.

No encontro, presentouse o vídeo que promocionará os máis de 150 xacementos deste patrimonio rupestre. O director do audiovisual, Aser Álvarez,  de Arraianos Producións, destacou que este patrimonio “conecta coas raíces e forma parte dun modo de ser e estar que se deu na Europa atlántica". 

Na xuntanza tomaron parte o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas; o alcalde de Teo, Rafael Sixto, e as concelleiras Mayte Argibay e María López; a tenente de alcalde compostelá, Mercedes Rosón; o tenente de alcalde de Ames, David Santomil e a concelleira Carlota Díaz; a edil do Concello de Brión, Sandy Marie Cebral; e, en representación de Val do Dubra, o concelleiro Óscar del Río.

Desde a Deputación, o seu vicepresidente quixo destacar que “toca agora avanzar na difusión do tesouro que temos nas mans para que a poboación coñeza o valor do noso patrimonio” e para iso, explicou, “é preciso deseñar unha estratexia de aproveitamento do investimento co fin de situar este territorio como destino de visitantes ao que se lle pode ofrecer un produto diversificado, con puntos de interese ademais dos Camiños e a Catedral”. 

Comentarios