Compostela prepárase para se converter en cidade de conto co festival Atlántica

Un programa de luxo con primeiros nomes da narración oral é a oferta da nova edición de Atlántica, o festival dirixido por Sole Felloza que se desenvolverá do 11 ao 22 de marzo en Compostela e que se inaugura cunha conferencia de Mercedes Peón. 

Cartel de Atlántica
photo_camera Cartel de Atlántica

Unha conferencia de Mercedes Peón no Consello da Cultura Galega porá o inicio a once días de conto nos que Compostela se converterá na capital atlántica da narración oral, cun programa que, alén de novas sorpresas, convoca algún dos principais nomes do relato ao vivo dos terras que bordean o Atlántico. 

Xosé Luís Bernal- Farruco-, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Felipe Diaz -Caxoto, Celso F. Sanmartín, Avelino González, Narf, Cándido Pazó, Mercedes Peón, María da Pontragha, Raquel Queizás, Xurxo Souto e Soledad Felloza ofrecerán os seus espectáculos orais nun programa que convidou tamén a Claudia Fonseca e Clara Haddad, de Portugal, a Barry Manley de Irlanda, a Sofía Maul da Madeira, Nicolás Mezzalira, da Bretaña, Boni Ofogo de Camerún e Victoria Siedlecki de Arxentina. 

O encontro desenvolverase en distintos espazos, desde auditorios e teatros ate locais nocturnos. O Hostal dos Reis Católicos, a Fundación Granell, o Museo do Pobo Galego, o Auditorio de Galiza, a Biblioteca da casa dos Comúns dos Tilos, en Teo alternaranse no programa con pubs como o Modus Vivendi, Atlántico, Casa das Crechas xunto con locais de hostalería como a Borriquita de Belén ou A nave de Vidán. 

Espectáculos de todos os formatos, desde diálogos, monólogos até maratóns de contos para maiores e crianzas. Quico Cadaval subirá canda Narf ao escenario co espectáculo “Obrigado!” e Farruco achegaranos aos personaxes pintorescos da Compostela dos 60, entre outras moitas propostas. 

Tapas Atlánticas 

Alén da cutura oral, a gastronómica terá tamén presenza no Festival e desde o 14 ao 22 de marzo, distintos locais da cidade farán descontos nas “Tapas Atlánticas” preparadas especialmente para o Festival. A entrada terá así, dous agasallos, “probar o Atlántico en diversos sabores” e gozar “das historias con bo sabor de boca”. 

Comentarios