As xornadas decorren o 16, 17 e 18 de marzo

Compostela mergúllase na 'Literatura nas marxes'

A vindeira terza feira bota a andar en Compostela o encontro "Literatura nas marxes" para debater, durante tres xornadas consecutivas, arredor da muller e a maternidade, o colectivo LGBTIQ+ ou a figura da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021, Xela Arias, entre outros temas.
literaturanasmarxes
photo_camera Valentín García e Daniel Chapela, hoxe, durante a presentación. (Foto: Nós Diario)

Os días 16, 17 e 18 de marzo, a cidade de Compostela vai acoller as xornadas “Literatura nas marxes. A creación alén do canon”, un proxecto que busca “a reflexión sobre cuestións que van máis aló da palabra escrita e a análise de temas como o tratamento e a figura da muller, a maternidade ou o tratamento e representación dos personaxes LGBTIQ+”.

As xornadas, que están organizadas pola Asociación O Arquivo das Trasnas e que contan co apoio da Xunta, desenvolveranse no salón de actos do Pazo de San Roque enmarcadas na “Semana da poesía”, tal e como anunciaron en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Daniel Chapela, coordinador da proposta e representante da organización.

As palestras buscan ofrecer unha análise de "metapoesía" ou de literatura e "o fin social" dunha obra, ademais de incidir en que se trata dunha proposta impulsada por persoas con vínculos cos estudos universitarios e pensada para a mocidade, segundo dixo Valentín García. Daniel Chapela, pola súa banda, explicou que a iniciativa se exporá cun formato "diferente", con intervencións, reflexións e mesas redondas nas que participarán diversos autores e autoras e expertas na materia.

Entre as participantes atópanse, entre outras, Marga do Val, Mariña Area, Inma López Silva, Daniel Asorey, Nee Barros, Carlos Callón, Mario Regueira, María Reimóndez, Ana Romaní, Marga Tojo, Bieito Troncoso e Malores Villanueva.

A programación prevista

Xela Arias terá o protagonismo na primeira xornada, terza feira, nunha mesa redonda na que participarán Ana Romaní, María Xesús Nogueira e Marga do Val. Ademais, pronunciarán cadansúa charla sobre a poeta as escritoras Yolanda Castaño e Emma Pedreira.

Na cuarta feira falarase arredor da “maternidade en Lupe Gómez”, da man de Mario Regueira, Miriam Ferradáns e Marga Tojo; mentres a conferencia final correrá a cargo de Inma López Silva, e versará sobre “mover os marcos do feminismo”.

A xornada de clausura, quinta feira, centrarase nas personaxes LGBTIQ+ e na literatura xuvenil, e sobre o tema debaterán Eva Mejuto, Carlos Callón e María Reimóndez.

O prazo de inscrición está aberto até o 15 de marzo.

Comentarios