Compostela homenaxea Fermín Bouza, o roibo que nunca perdeu a esperanza en Galiza

Amigos, familiares e coñecidos do sociólogo e escritor súmanse nun acto aberto que decorrerá este domingo no Teatro Principal, organizado polo Concello e a revista Luzes.

[Imaxe: Ollo de vidro/AELG] Fermín Bouza
photo_camera [Imaxe: Ollo de vidro/AELG] Fermín Bouza

Fermín Bouza Álvarez naceu en Compostela en 1946 e alí viviu até 1969, ano no que colleu as maletas para liscar a Madrid. A súa participación no maio do 68 compostelán provocou que a policía fose a buscalo á casa. Alí,seu paí, o xuíz e poeta galeguista Fermín Bouza Brey, foi quen de convencer os axentes de que o seu fillo non andaba xa pola cidade pois exiliárase en Arxentina. Fermin fillo safou esa vez mais entendeu que era mellor cambiar de aires e colleu rumbo á capital do estado, onde faría vida mais sen esquecer nunca Galiza.

Foi catedrático de Socioloxía, articulista. Tamén foi narrador e poeta en lingua galega.Non fixo honra ao significado do seu apelido (Bouza: terreo inculto, poboado de mato, como toxos, xestas, uces..." Dicionario da RAG) e foi quen de manter sempre, alá onde estiver, unha mirada de esquerdas, ampla e galeguista, que até os últimos momentos plasmou no seu blog, El Voto co botas.

Este domingo, ás 12:00 horas, o Teatro Principal de Compostela acolle unha Homenaxe Nacional a Fermín baixo o nome #SomosFerministas. O acto estará presentado por Manuel Rivas e X.M. Pereiro. Falarán, entre outros, a súa viúva, Carmen Pena, Xosé Manuel Beiras, Antón Losada, Antón Baamonde ou Ana Acuña. Haberá espazo para a música, coas actuacións de Eladio dos Santos, Miro Casabella, Luis Emilio Batallán ou Fermín, fillo do Fermín homenaxeado e neto do Fermín que con ‘Nao Senlleira’ abrira novas rotas para a poesía galega.

Na homenaxe tamén intervirá a escritora Dores Tembrás e proxectarase ‘Aquela Compostela de Fermín’, a entrevista que o xornalista Suso Iglesias lle fixera en 2014. 

Comentarios