Compostela fica sen o WOS

O festival anula a edición de 2020.

Praza de Abastos de Compostela.
photo_camera A praza de Abastos de Compostela, un dos escenarios do Festival Wos.

O festival Work On Sunday (WOS) non realizará a súa edición de 2020, prevista para a segunda semana do mes de setembro en Santiago de Compostela, ante as perspectivas de evolución da crise do coronavirus.

Nun comunicado, a organización do evento de música alternativa, que encaraba este ano a súa sétima edición, sinalan que "parece inviábel a día de hoxe" brindar ao público a "experiencia" completa do festival, que "inclúe ir pola rúa, sentir fisicamente Santiago, degustar a súa gastronomía, deixarse levar e mergullarse en propostas que a miúdo convidan á reflexión".

"Ofrecer unha versión rebaixada desa experiencia sería vender un subproducto diluído, desvirtuado, moi por baixo desa proposta sincera e entregada que é o principal activo que WOS ten que achegar", inciden as organizadoras.

Desde a organización inciden en que o espírito do festival reside en "valores que van máis aló dos intereses comerciais".

Por todo iso, consideran acaído anular a edición deste ano e "centrar o foco do proxecto" no seu papel de "foro para o discurso e o pensamento". Desta forma, avanzan que proximamente daráse a coñecer a data de celebración do ciclo de conferencias, que ademais poderán seguirse por vía telemática.

Comentarios