A próxima colección: Xornais en galego, 1840-1912

Compostela é a derradeira entrega de 'Tímpanos medievais da Galiza'

Chega aos quiosques a derradeira entrega do coleccionábel "Tímpanos medievais da Galiza", de Nós Diario. Esta entrega, o número 32 da colección, dedicada a Compostela e á súa arquitectura románica.
montagem
photo_camera A escolma 'Tímpanos medievais da Galiza' conformárona un total de 32 números. (Foto: Nós Diario)

Nós Diario comezaba 2021 ofrecendo ao público subscritor e lector un novo coleccionábel, "Tímpanos medievais da Galiza". Agora, 32 números despois da primeira entrega, féchase o ciclo coa arquitectura de Compostela como protagonista.

"Conseguimos dar a coñecer un rico patrimonio, moitas veces descoñecido polo público, mesmo neste último fascículo", explicaba Xoán Costa, presidente de Sermos Galiza  e coordinador da colección.

"Mesmo profesionais se sorprenden de que aparezan en Compostela tantos tímpanos, algúns descoñecidos entre a xente máis próxima a este tipo de estudos", contaba en relación ao derradeiro número da colección, cun volume que dobra os anteriores chegando ás oito páxinas.

Na primeira entrega de "Tímpanos medievais da Galiza", a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurora Balseiro, explicaba que nos tímpanos se gardaba "unha mensaxe iconográfica do románico, cuxa finalidade era didáctica e proselitista", polo feito de que daquela poucas persoas sabían ler e escribir.

Da mesma maneira, Xoán Costa explica que "sen renunciar á ciencia conseguimos a difusión da arte dunha maneira agradábel, para todos os sectores sociais e cun nivel de divulgación moi alto".

"Ese era un dos nosos obxectivos de partida e foi conseguido" recalca, ao mesmo tempo que engade o logro que supón "por ao alcance de persoas non expertas, non formadas en arquitectura ou en arte, como se construíron todos estes edificios de modo fresco e ameno e tamén con todos os rigores que a ciencia esixe".

O coordinador do coleccionábel abunda no seu aspecto didáctico ao mencionar que ao igual que os propios tímpanos "este programa arquitectónico era unha especie de catecismo para analfabetos e puña en pé de igualdade, sobre todo a través dos canzorros, a virtude e o pecado, no sentido de que aparecen representados os elementos máis grotescos e os símbolos relixiosos máis santos e máis cultos".

"Conseguimos trasladar a idea de que todo este programa iconográfico, sobre todo a partir do século XII, tiña un fin concreto que era o de traballar ao servizo dunha idea de nación, de colectividade que desenvolveu un movemento artístico especialmente centrado no románico e na catedral de Santiago".

Xoán Costa reivindica tamén a figura do arcebispo Diego Xelmírez e o seu labor en Compostela que " competiu directamente con Roma como capital da cristiandade e, nese sentido foi moi importante o seu papel, e logrou todos os seus obxectivos consagrando Compostela como centro de peregrinación".

As novidades de marzo

Durante a primeira quincena do vindeiro mes, Nós Diario incorpora unha nova colección, "Os primeiros xornais en galego: 1840-1912".

Un total de 14 números, que parten d'O Seor Pedro, editado en 1840, de periodicidade diversa como era propio na época, e que chegan até A voz do país, xornal editado en Monforte de Lemos en 1912, pasando por O vello do Pico-Sagro, O galiciano ou o  recoñecido O tío Marcos da Portela.

Este último, en palabras de Xoán Costa, "o que se considera o xornal de referencia, que ten para o xornalismo o valor que Cantares gallegos ten para a literatura".

A segunda quincena de marzo vai estar dedicada a conmemorar a "Semana da prensa na escola", para que se editará o Caderno InformarNós.

Comentarios