Neste concerto a música de Narf (1968-2016) será a protagonista exclusiva. Dende a organización afirman “fuxir das ideas homenaxe/tributo/lembranza” para abrazaren as ideas de “celebración/concerto/encontro/festa”. Este encontro pretende ser, en palabras das e dos organizadores, unha panorámica da extensa produción musical do artista, unha figura central na música popular galega durante as últimas décadas.
Sobre o cenario, artistas que partillaron a vida musical de Fran Pérez, intérprete e compositor que, co rock como linguaxe básica, dominou unha enorme amplitude de rexistos musicais, sempre aberto a investigar e a fusionar. Un espírito libre e inquieto sen o cal é imposíbel historiar a música galega contemporánea. En total serán máis de trinta colaboradores de Narf os que están convocados a este evento. Chegan de Mozambique, Portugal, Euskadi, Inglaterra e por suposto, Galiza. Entre eles, Carlso Santiago, Marcos Teira, Timbila Muzimba ou Uxía e Quico Cadaval.
O concerto, dirixido musicalmente por Marcos Teira, terá as cancións de Narf como punto de encontro. Aparte das convidadas e convidados, no palco termará do espectáculo unha banda de base. Tamén se contará coa presenza destacada do mundo do teatro galego.
O espectáculo está organizado pola asociación Cidade Vella e o Festival Feito a Man, xunto coa Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, co apoio de AGADIC. O concerto será na Praza da Quintana ás 21:00h e, en caso de choiva, trasladarase ao Auditorio de Galicia.