xoves 16/09/21

Compostela acolle a VIII edición da feira de espectáculos Galiza Escena Pro

Esta feira das industrias culturais decorre entre o 7 e o 10 de xuño en diversas localizacións da cidade, como a praza da Quinta, o Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca ou San Domingos de Bonaval.
image_gallery
Jacobo Sutil e Juan Rodríguez durante a presentación. (Foto: Nós Diario)

A oitava edición da feira de artes escénicas Galiza Escena Pro decorre en Compostela desde esta segunda feira e até a quinta feira, e vai recibir 61 responsábeis de programacións e festivais de teatro de todo o país ademais de contar coa participación de 95 compañías de teatro, danza, novo circo e maxia.

O director de Industrias Culturais da Xunta de Galiza, Jacobo Sutil, e mais o presidente da asociación de compañías Escena Galega, Juan Rodríguez, foron os encargados de presentar e inaugurar onte na praza da Quintana esta nova edición do encontro, que busca “favorecer a compra-venda de espectáculos producidos na Galiza”. 

Na presentación, Jacobo Sutil dirixiuse ás compañías participantes para explicar que o obxectivo desta nova entrega de Galiza Escena Pro é ser “o punto de inflexión que lles dea o pulo definitivo á volta á normalidade”.

“Estamos a ver como o público está a responder de modo positivo ao esforzo realizado, acudindo de novo aos teatros e amosando, como nunca, o seu interese por volver gozar dos espectáculos ao vivo. Un interese ao que podemos e debemos darlle resposta”, expresou Sutil.

O evento ten programadas 12 presentacións profesionais, máis de 200 reunións de traballo concertadas e 19 funcións de teatro, danza, circo e maxia en cinco escenarios da cidade, a citada praza da Quintana e ademais San Domingos de Bonaval, Auditorio Abanca, Salón Teatro e Teatro Principal.

O formato desta feira busca a maior interacción posíbel entre os axentes implicados e por iso o acceso está limitado ás persoas acreditadas, tanto das compañías inscritas como das entidades contratantes. 

Galiza Escena Pro conta cunha carteleira conformada por 18 montaxes galegas e unha madrileña, todas elas de distintos rexistros e que se estrearon nas dúas últimas. No marco do evento tamén se realizarán presentacións rápidas de proxectos e espectáculos que se atopan en distribución, mentres que representantes das 95 compañías acreditadas manterán reunións bilaterais concertadas de modo previo con programadores e mediadores culturais asistentes.

Adicionalmente, realizarase un taller formativo en liña que impulsa a Confederación de Feiras do Estado español (Cofae) no que se abordará unha metodoloxía sustentábel para proxectos escénicos, e tamén se levará a cabo unha presentación de MADfeira, o encontro da capital do Estado ao que Nova Galega de Danza levará o seu espectáculo coreográfico Leira.

comentarios