Compostela acolle a primeira homenaxe a María do Carme Kruckemberg

Compostela acollerá a primeira homenaxe pública á escritora María do Carme Kruckemberg, poucos días despois do seu pasamento. Será na libraría Lila de Lilith a sexta feira día 29. 

A libraría feminista Lila de Lilith de Compostela promove a que será a primeira homenaxe á escritora María do Carme Krukemberg, poucos días despois do seu falecemento o pasado sábado en Vigo. 

O acto desenvolverase a vindeira sexta feira día 29 de maio ás 20 horas e será presentado pola escritora Mercedes Queixas, grande coñecedora da obra e a figura de Krukemberg e autora da súa biografía Vivir, unha aventura irrepetíbel (Galaxia, 2011). 

Desde a Lila fan un chamamento a participar no evento coa lectura de texto, compartindo experiencias arredor da autora, con música ou da maneira que se queira contribuír a homenaxear á escritor. 

A vida de Mª do Carme Krukemberg chegaba ao seu fino pasado día 16 de maio, despois dunha intensa vida e unha ampla traxectoria literaria da que fican os seus trinta libros escritos ao longo de máis de cincuenta anos. 

“Con ela sempre houbo moitas reservas porque non respondía a moldes, era imposíbel encadrala. Quixo decidir sobre a súa propia vida e iso tamén lle trouxo custes”, afirma Mercedes Queixas, no retrato que traza nas páxinas do semanario Sermos Galiza dedicadas á morte da escritora. Esa aposta pola liberdade e a independencia será, sen dúbida, un dos eixos da homenaxe que se lle tributará na libraría feminista de Compostela.

Comentarios