Cultura

Compostela acolle a primeira feira do libro do Estado tras a COVID-19

Con seis postos desde o 13 até o 21 de xuño
Libros expostos nunha feira.
photo_camera Libros expostos nunha feira.

Santiago de Compostela acolle desde este sábado e até o 21 de xuño o primeiro evento desta sorte celebrado na Galiza e no conxunto do Estado, logo das medidas de confinamento como resposta á pandemia da COVID-19. A premisa baixo a que chega é a dun "contexto seguro" para recuperar a confianza da cidadanía e a interacción entre veciñanza, persoas autoras e librarías.

"Non contaxian pero enganchan" é o lema escollido pola Federación de Librarías

"Non contaxian pero enganchan" é o lema escollido pola Federación de Librarías para reivindicar e difundir a filosofía que se atopa no centro do ciclo este ano: o libro como axuda para enfrontar as complicacións da situación actual. Así, o evento desenvolverase cun protocolo "de máximos", creado para transmitir seguridade ás persoas visitantes e, ao tempo, non perder a "interacción" cos propios libros e entre os diferentes segmentos que participan na feira.

Respectando o emprazamento tradicional na alameda compostelá, haberá seis postos: das librarías Pedreira, Numax e A Gata Tola (Santiago), Ler (A Pobra do Caramiñal) e Cortizas (Ferrol), para alén doutra para a editora Alvarellos. Haberá que acudir con máscara e manter as distancias de seguridade mentres se agarda a fila de cada posto.

Coa limpeza de mans como protocolo esencial, permitirase interactuar cos libros, separados do resto de exemplares. Unha vez baleirados os locais, aplicarase unha luz ultravioleta sobre as superficies lisas (onde están os libros e as paredes) e deixarase unha marxe de entre 13 e 14 horas para volver abrir.

Nas zonas de sinaturas de exemplares instalaranse biombos de metacrilato e haberá actividades de dinamización acústica pensadas para amenizar as agardas. Estas medidas serán adaptadas en cada unha das diferentes localidades nas que se celebren as vindeiras edicións das feiras organizadas pola federación. 

Pregón de María Solar

Ao longo dos nove días da feira, pasarán pola alameda até 35 profesionais da literatura. Este sábado abrirase a partir das 12 horas co pregón da escritora María Solar, que logo asinará exemplares de Quokka Moka. No mesmo día estarán Elba Pedrosa (O que non sabías) e Xosé A. Neira Cruz (Veleno de tinta impresa). Pasarán tamén polo recinto aberto outros nomes recoñecidos como Manuel Rivas (O Chispas), Rosa Aneiros (Tres bichicomas, dúas illas e unha serea), Héctor Cajaraville (Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso) ou Manuel Portas (Cadencias).
 

Comentarios