Compostela acolle a canción irreverente de Albert Pla

Albert Pla (Sabadell, 1966) levou a canción de autor máis alá dos seus límites. A forza de irreverencia salvaxe, sarcasmo lírico, doces melodías e teatral posta en escena, o autor de No sólo de rumba vive el hombre (1992) trazou un percorrido puntuado pola polémica e por singulares achados musicais. Esta sexta feira visita Santiago de Compostela, ás dez da noite na Sala Capitol.
 

albert pla
photo_camera O cantante Albert Pla. Foto: cedida.

Pla iniciou a súa carreira discográfica cantando en catalán. Pero foi a partir da primeira metade dos noventa, co citado No sólo de rumba vive el hombre, Supone Fonollosa (1995) -sobre poemas do maldito José María Fonollosa- ou Veintegenarios en Alburquerque (1997) -que incluía a controvertida La dejo o no la dejo-, cando a súa proposta trascendeu máis ou menos masivamente.  

Entre unha versión irónica e retorcida da canço catalana e aires rumberos, o cantante de Sabadell gravou colaboracións con músicos como Quico Pi de la Serra, Fermín Muguruza, Manolo Kabezabolo, Joan Miquel Oliver (de Antònia Font), Pascal Comelade ou Kiko Veneno. Nas súas últimas obras volveu empregar o catalán, por caso en Cançons d'amor i droga (2003) ou Somiatruites (2011).

Albert Pla, que tamén se prodiga como actor, presentarase en Compostela acompañado do guitarrista flamenco Diego Cortés e repasará o seu repertorio de todas as épocas con, segundo os promotores, "as mans libres e o corpo desatado para teatralizar as súas cancións e conseguir unha poética inusual devastadora e electrizante".

Comentarios