Compostela ábrese a sons internacionais que chegarán do festival musical WOS

Os escenarios, que serán múltiples, terán actividade a partir desta sexta feira.
A presentación da axenda cultural decorreu esta quinta feira. (Foto: Nós Diario) #wos #festival #música #compostela
photo_camera A presentación da axenda cultural decorreu esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

Eartheater, Elori Saxl, Grand River, Jonathan Fitoussi, Lubomyr Melnyk ou Driftmachine. Desta forma preséntase o cartel do festival musical Work On Sunday (WOS), que como se pode observar contará con artistas internacionais na súa próxima edición, que se prolongará entre esta sexta feira e o domingo en Compostela. 

O evento, que foi presentado onte de maneira oficial, disporá de até oito propostas artísticas que serán novidosas na Galiza. As cabeza de cartel, as norteamericanas Eartheater, achegaranse a Europa por primeira vez para dar a coñecer as súas creacións. Haberá marxe para gozar de propostas na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde por exemplo estará o produtor kenyano KMRU

Entre os novos talentos da “creación contemporánea” gañou o seu espazo o francés Jonathan Fitoussi, que tocará no Teatro Principal. Outros artistas máis veteranos, que forman parte da programación principal, ofrecerán o seu concerto no túnel da Cidade da Cultura. É o caso do pianista ucraíno de 72 anos Lubomyr Melnyk, por exemplo. 

O director e organizador da cita, Iván Arias, recoñeceu que con este cartel formado por sons do mundo ten “grandes expectativas”, se ben é certo que foi preciso traballar duro polos cambios de última hora derivados das restricións. 

Así o augura malia que en 2019 fechara a mellor edición até o momento e a irrupción da Covid-19 impedira que decorrera o festival preparado para 2020. De feito, reflexionou ao respecto de que a pandemia rachou coa “liña ascendente en canto a proxección nacional e internacional”. 

Un cartel complicado

Mais iso non impide que o optimismo sexa outro dos sinais de identidade para a batería de concertos que comeza hoxe. 

Desde o seu punto de vista, esta situación inesperada o ano pasado fai que agora sexa “o momento de reinventarse e procurar novas fórmulas para sacar adiante o sector artístico”. O certame conta coa colaboración de Son Estrella Galicia e o seu representante, Juan Martínez, recoñeceu que dadas as circunstancias e as características do WOS houbo dúbidas sobre se se podería levar a cabo, mais finalmente saíu adiante.

En plena saída do paro, a concelleira de Acción Cultural de Compostela, Mercedes Rosón, dixo confiar en lograr a capacidade do 75% antes de 2022 para eventos como o Cineuropa e o Curtocircuíto.

Comentarios