Unha completa web achega á cidadanía a vida e a obra de Isaac Díaz Pardo

Baixo o lema "memoria viva" pretende facer accesíbel o seu legado
María América presenta o proxecto na Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)
photo_camera María América presenta o proxecto na Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)

O "universo diazpardiano" xa pode explorarse libremente a través da rede grazas a unha nova web propia que recolle material sobre a súa vida e a súa obra. O proxecto "Memoria viva sobre Isaac Díaz Pardo" deuse a coñecer onte na Cidade da Cultura pola súa autora, María América; nun acto no que participaron os fillos do impulsor de Sargadelos, Camilo e Xosé, así como o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

A iniciativa súmase ás múltiplas homenaxes que están a ter lugar con motivo do centenario do nacemento do autor, como a mostra que se atopa actualmente no Gaiás, baixo o título As miradas de Isaac, que xa recibiu por volta de 5.000 visitas.

Este foi precisamente o escenario escollido para presentar a nova proposta que ten como público a cidadanía en xeral, mais con apartados específicos para persoal investigador.

Sen límites

América, que traballou xunto a Díaz Pardo, valoraba positivamente a "aposta moi forte no formato dixital nun momento estraño para a cultura, que debe seguir".

Desta forma, durante os 365 días do ano e as 24 horas do día, será posíbel acceder á obra de Isaac Díaz Pardo "sen límites", de aí que para ela este sexa un formato "perfecto" para quen era precisamente "unha persoa infinita" e "un creador total", nas súas palabras.

Igualmente, América destacou a memoria como "unha constante" na vida de Isaac Díaz Pardo e "unha preocupación" cotiá, polo que se explica que a web leve precisamente o lema "memoria viva".

Para o público xeral e o especializado

A páxina consta de dúas partes diferenciadas que se estruturan en oito capítulos. En seis deles o contido atinxe a cuestións como a súa vida, a súa familia, a súa obra, as súas amizades e as empresas.

Á entrada de cada sección, a persoa usuaria atopará unha cita do propio autor, que o introducirá "da súa man" en cada temática.

A segunda parte está máis orientada cara á investigación e organízase a través de despregábeis, fotografías, audiovisuais, documentación... Esta última incorpora, por exemplo, máis de 160 documentos cun buscador "moi sinxelo" que posibilita distintas maneiras para mergullarse nese amplo material.

Xosé Díaz Arias, en nome da familia, celebrou e agradeceu esta nova achega no centenario de nacemento do seu pai, que contribúe a manter "presente" o seu legado.

Comentarios