A compañía pública de Portugal leva a escena “Saxo Tenor” de Vidal Bolaño

O Teatro Nacional Dona Maria II estreará a obra dun “dos mais importantes dramaturgos galegos contemporâneos”. 

Roberto Vidal Bolaño (Foto: Quique Alvarellos)
photo_camera Roberto Vidal Bolaño

A emblemática obra de Roberto Vidal Bolaño “Saxo Tenor” estará en cartel en Lisboa no teatro da compañía pública portuguesa de 5 a 24 de maio, chegando a fins de mes a Compostela. Con adaptación do texto de José Martíns e o director do CDG, Manuel Guede, e dirección de José Martíns, a obra conta cun equipo artístico composto por João Grosso, José Neves, Manuel Coelho, Maria Amélia Matta, Lúcia Maria, Paula Mora, Bernardo Chatillon, Luís Geraldo, Jorge Albuquerque, Joana Cotrim, Lita Pedreira, Maria Jorge e Rita Figueiredo. 

Herdeiro de Valle Inclán

A compañía pública portuguesa, con sede no histórico edificio da Praça do Rossio lisboeta, apresenta o autor galego como “um eminente encenador e ator da Galiza, pioneiro do teatro profissional galego” e “herdeiro legítimo de Ramón Maria del Valle Inclán”. A obra "Saxo Tenor", que recibiu o Prémio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais en 1991, fora estreada pola compañía Teatro do Aquí de Roberto Vidal Bolaño en 1983 baixo dirección do propio autor cun elenco composto por Xosé Manuel Olveira “Pico”, Elina Luaces, Laura Ponte, Susana Dans, Morris, María Bouzas, Rodrigo Roel, Vicente Montoto, César Goldi, Kukas, Luís Zahera, Pilar Pereira, Antonio Simón, e Bernardo Martínez. A celebrada peza de Vidal Bolaño tivo tamén fortuna editorial e conta con dúas edicións na Colección libros do Centro Dramático Galego, ademais da da Biblioteca Galega (La Voz de Galicia) e unha tradución ao castelán de Luís Alonso Girgado para a SGAE. O pasado ano, Edicións Positivas incluíuna no primeiro volume das súas Obras Completas. 

O Teatro Nacional D. Maria II é unha entidade pública empresarial tutelada polas áreas de finanzas e cultura do goberno portugués. 

Comentarios