A compañía andaluza Las Niñas de Cádiz leva o premio do público do festival teatral de Cangas

A obra 'El viento es salvaje', unha estrea na Galiza, conquistou ás espectadoras que fixeron as súas votacións a través da internet. A peza é unha "recreación libérrima" de Fedra e Medea.
Espectáculo 'El viento es salvaje' gañador do premio do público. (Foto: MITCFC)
photo_camera Espectáculo 'El viento es salvaje' gañador do premio do público. (Foto: MITCFC)

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) anunciou este domingo que o Premio do Público da súa 38 edición foi a parar á compañía andaluza Las Niñas de Cádiz grazas ao seu espectáculo El viento es salvaje.

A interpretación sobre as táboas desta estrea no país conquistou á maioría das persoas que tiveron oportunidade de vela polo que as e os espectadores concedéronlle 4,73 puntos sobre 5 nas votacións para este galardón, que se realizan a través da internet.

No segundo lugar quedou a peza, tamén descoñecida na Galiza, Ritos de amor y guerra levada ao teatro pola agrupación catalá Comando Señoras. Aliás, o terceiro posto foi para La señorita doña Margarita de Petra Martínez e Juan Margallo, que igualmente foi unha estrea dentro da mostra.

A organización explicou que a obra gañadora introduce ao público na historia de dúas rapazas, Vero e Mariola, "tan amigas que semellan irmás". Están unidas desde a infancia pero teñen un destino de traxedia.

"É unha recreación libérrima de dous dos personaxes femininos máis apaixonantes da historia da cultura universal: Fedra e Medea. Unha traxedia, en verso, con todos os elementos clásicos do xénero, pero atravesada pola gargallada", engaden fontes do certame.

Las Niñas de Cádiz é unha compañía de teatro que traballa desde as raíces. Unha das chaves da súa identidade é fusionar elementos da cultura popular e o folclore con outros da denominada tradición culta. "E sempre desde o humor. Alejandra López, Teresa Quintero, Rocío Segovia e Ana López Segovia son as actrices que dan vida á obra escrita e dirixida por Ana López Segovia", enumera a promotora.

Antes deste último recoñecemento, o espectáculo xa recibira do Premio Max ao Mellor Espectáculo Revelación en 2020 e o Premio do Público do Certame Nacional de Teatro Garnacha da Rioxa.

Comentarios