Unha compañía amadora recupera un parrafeo galeguista de 1915

É practicamente a prehistoria do teatro moderno en Galiza. Os parrafeos, unha especie de diálogos por veces socráticos e con raíces populares, contribuíron á codificación dunha escena galega e en galego. Este sábado, na Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei, a compañía amadora da Sociedade Cultural Medúlio de Ferrol recupera un emblemático: Mal de moitos, de Euxenio Charlón e Manuel Sánchez.
 

Euxenio Charlón e Manuel Sánchez
photo_camera Euxenio Charlón, sentado e con chapeu, e Manuel Sánchez, deitado á dereita.

cuberta mal de moitos

Orixinal de 1915, Mal de moitos é un “pequeno sainete” ambientado na parroquia de Ferreira, en San Sadurniño e dedicado ao coro Toxos e Froles, do que Charlón foi fundador. Como o foi da Irmandade da Fala de Ferrol.   

A versión que se representará este sábado, ás oito do serán, na Casa Museo de Manuel María contará cos actores Roberto e Felipe Vázquez. A maquillaxe e o vestiario, a cargo de Ánxeles Fernández. E a dirección, da man do político e ensaísta Francisco Rodríguez.

De Charlón e Sánchez, activistas culturais da órbita das Irmandades, escribiu Ricardo Carvalho Calero: “Foron dous artistas de Ferrol que disfrutaron un tempo de grande popularidade. Socios entusiastas do laureado coro local Toxos e Froles, compuxeron pasos e sainetes que podían sempre ser intepretados por dous actores. Eles mesmos daban a coñecer así as súas pezas”.

Euxenio Charlón naceu en Santa Cecilia de Trasancos (Ferrol) en 1887 e morreu en 1930. Manuel Sánchez Hermida viviu entre 1888 e 1940 en Ferrol. Xuntos asinaron obras como Calquera entende este enredo, Nocturno periodístico, Trato a cegas, Axúdate, O Menciñeiro e Polo pan baila o can.

Comentarios