O deseñador Pepe Barro reflexiona sobre a imaxe da poeta

Como vemos Rosalía

“As alegorías nacionais encarnan en imaxes, son formas de muller, o significante dun significado. [...] Na Galiza somos diferentes, quizais un caso único, porque unha muller real, coa súa vida e a súa obra, encarna a nación”. A opinión é do deseñador gráfico Pepe Barro e expona na Rosa da Galiza, un dos textos dedicados a Rosalía de Castro e a súa imaxe incluídos no libro Máis que ver (Xerais, 2018).
 

Fotografías de Rosalía tomadas por María Cecilia Cardarelly Bousquet
photo_camera Fotografías de Rosalía tomadas por María Cecilia Cardarelly Bousquet.

Rosalía_Castro_de_Murguía_por_Luis_Sellier

“A alegoría rosaliana exprésase, sobre todo, en tres imaxes fundamentais”, explica a Sermos Galiza, “son tres imaxes físicas pero tamén tres imaxes intelectuais, políticas”. Refírese ao célebre retrato fotográfico de Luís Sellier, datado en 1872, ao debuxo de Antonio Portela realizado en 1902, e mais ao óleo de Modesto Brocos pintado en 1880. Tres olladas sobre a poeta que reflicten tres interpretacións diferentes e, dalgún xeito, aínda vivas.

“Con moito, prevalece a de Sellier”, considera Barro (Pontedeume, 1955), “unha foto de muller amábel, agarimosa, a Santiña. Estabeleceu a figura de Rosalía como nai para un país desvalido a nivel conceptual. A nai da nación, esa é a alegoría”. A Rosalía de Sellier sorrí e, nun aceno lene pero significativo, ten a cabeza inclinada. Eis un rastro da tradición pictórica occidental, en concreto dos cadros relixiosos, detecta Barro.

Murguía, xa viúvo”, escribe o deseñador no interesantísimo ensaio, de xínea bergeriana, Tres Rosalías, tamén incorporado a Máis que ver, “cultivou a idea dunha muller modesta, humilde, toda dozura e amabilidade”. A ese propósito serviu a peza de Sellier, “cunha pose que transmite esa idea da muller perfecta para a sociedade patriarcal do século XIX”. Mais Rosalía de Castro non era redutíbel. Non é redutíbel. Malia que o estereotipo fabricado xa a finais do XIX sobrevive, axiña houbo impugnacións.

O debuxo de Antonio Portela muda as tornas. Aquí Rosalía de Castro adquire fasquía política, afouta. “Portela retiroulle o vestido e o toucado feminino”, relata Barro no ensaio, “e vístea con gabán masculino. [... ] Portela é un convencido rexionalista. A súa Rosalía é a  líder dun pobo”. Como se ilustrase, engade, os versos do poeta patriota Alberto García Ferreiro: “Cantora que altiva / coa branca bandeira / da nosa Galicia / risoña e trunfante / na vanguarda iba”.

rosalía de castro - antonio portela

Ao pincel de Modesto Brocos pertence a terceira das versións gráficas da escritora salientadas por Pepe Barro. É a menos coñecida, e só a partir da súa exposición na Casa da Matanza en 2016 comezou a circular. “Sorprendeume atopar hai pouco en Compostela unha postal co cadro”, conta o deseñador gráfico, “esta non é esa muller amábel que todo o mundo desexa. É recha, ten faccións máis duras. É unha intelectual”. A pintura de Brocos, de 1880, non foi unha encomenda, senón propia iniciativa do pintor para alguén a quen admiraba e que, naquela altura a piques de publicar Follas Novas, era respectada polos seus pares.

“A de Brocos non é a muller que Murguía cre que debe proxectar para que a escritora sexa querida”, conclúe Pepe Barro no mencionado ensaio, “esta Rosalía non é altiva, nin arrogante, pero tampouco é unha doce e plácida dona. Este é o retrato dunha muller intelectual galega. Teño para min que esta vai ser a Rosalía do porvir”.

A cada xeración, a súa Rosalía

rosalía de castro - modesto brocos
Na Rosa de Galiza, o autor de Máis que ver asegura que cada xeración trae a súa imaxe de Rosalía. E preguntado por cal é a última, apenas dubida: a estilo Andy Warhol inventada pola marca Rei Zentolo. A foto de Sellier é a base, mais cunha sutil e ao tempo importantísima diferenza. Onde antes había unha cabeza ladeada, hai agora un rostro “posto en pé”.

Esta “parodia gráfica” converteuse na expresión tardomoderna por excelencia da poeta. “A máis popular e a máis chocante”, entende Barro, “e algunha xente maior, que se cadra non coñecía as chaves da arte contemporánea, non o entenderon. Pareceulles banalizar. Pero a xente nova aceptouna como dicindo: 'Somos galegos pero somos igual de modernos”.

E, porén, comprende as razóns dos escandalizados: “A galega é unha cultura secundaria, non é a do poder, e simplemente estar con ela é unha actitude contestataria. Isto produce certo conservadurismo, certa idealización do vello e do antigo”. E explica as dificultades de que “xurdan imaxes que intenten provocar”. Aconteceu na época das vangardas históricas e segue a acontecer. “Non obstante, estar coa cultura sometida é, de por si, unha actitude revolucionaria”, finaliza.

Nota: retrato fotográfico de Luís Sellier, debuxo de Antonio Portela e óleo de Modesto Brocos.

Comentarios