Cultura

Como converter 'Nós Diario' nun monicreque

A asociación Morreu o Demo está a publicar tutoriais en Youtube para facer marionetas con "materiais mínimos"
marioneta
photo_camera Fotograma do vídeo explicativo de como elaborar un títere de variñas, empregando 'Nós Diario'

Ás veces, chégannos á redacción novas fermosas da segunda vida de Nós Diario. E se o transformamos en monicreque? Pero como? Un videotutorial de 20 minutos déixanos todas as instrucións que debemos seguir, explicadas paso a paso na conta de Youtube da Asociación Cultural Morreu o Demo. As mans que hai tras esta metamorfose son as dun dos seus integrantes, Anxo García, monicrequeiro de Viravolta, que decidiu facer unha "marioneta de variñas" empregando o noso xornal para "darlle apoio á prensa en galego".

Para alén desta proposta, van xa outras dúas achegas na canle para fabricar unha "marioneta de papel" e unha "marioneta hixiénica". Segundo nos revela García, teñen en mente subir máis durante os próximos días. "Xa teño un par deles pensados", asegura un dos promotores desta iniciativa que nace co gallo de ter os monicreques presentes nos lares. Unha alternativa de ocio que implica creatividade e que ademais serve para manter viva a tradición galega.

A idea xurdiu no chat grupal de Morreu o Demo, de maneira orgánica e espontánea, para sumárense ao diluvio de respostas da cidadanía e do mundo da cultura para facer máis levadío este tempo de confinamento.

A pesar dos medios escasos cos que conta, García quixo achegar o seu gran de area. A proposta contempla o uso de "materiais mínimos", que mal que ben se poden atopar practicamente en calquera fogar. De tal maneira, trátase dunha fórmula accesíbel e que pon en valor a reciclaxe.

Os monicreques, un patrimonio esquecido

"Morreu o Demo naceu para recuperar a figura de Barriga Verde e do monicreque tradicional galego", explícanos García. Pois mentres que noutros lugares existiu continuidade con este elemento, na Galiza desapareceu e produciuse unha ruptura entre os monicrequeiros de antes e o que poderiamos chamar monicrequeiros cultos, esas persoas que coma el se dedican agora a rescatar do esquecemento este labor.

"Houbo oito anos de carencia", conta García, que no seu caso procurou suplir volvendo ás orixes, pois "quería saber a que me estaba dedicando". Aínda que procurou atopar as persoas que manipulaban antes as marionetas, xa era tarde. Boa parte delas morreran e as que ficaban eran testemuños indirectos, tamén valiosos, das súas familiares.

Desde Morreu o Demo desenvolveuse un importante esforzo de recuperación e divulgación arredor dos monicreques, que sumado a outros proxectos conseguiu que a situación deste patrimonio esquecido mellorase notabelmente, segundo valora García. Neste senso, destaca a actividade doutras dúas entidades que traballan tamén no eido, como son Alakrán e Babaluva, esta última promovendo unha visión en chave de xénero. Unha das súas integrantes, Larraitz Urruzola, asina outro dos vídeos.

Cunha adaptación dos materiais, os tutoriais que están a partillar contribúen en boa medida a difundir a noción de marioneta. Neste senso, outro dos focos de acción de Morreu o Demo céntrase nos obradoiros que imparten en colexios. Unha das actividades estrela é ese desembarco na escola que fan coa "barraca-aula", divulgando os monicreques entre as máis cativas. O ano pasada levaron a cabo accións en Teo e este ano estaban traballando tamén en San Cristovo de Cea, mais a corentena interrompeu o proxecto didáctico co que concluirían representando os guións escritos pola rapazada. En compensación, grazas á súa achega, calquera pode inventar desde o lar a súa propia historia.

Comentarios