TEATRO

'Commedia' e 'Invisibles' reciben tres premios María Casares nunha noite repartida

Os XXIII Premios de Teatro María Casares repartiron galardón entre sete obras das 12 que aspiraban a algún dos recoñecementos. ‘Commedia’, de Contraproducións, e ‘Invisibles’, de Redrum Teatro, foron as pezas máis premiadas, con tres galardóns.

XERAL 1
photo_camera [Imaxe: LaDiapo] A gala ambientouse en Roma

A XXIII edición dos Premios de Teatro María Casares resultou repartida. Sete espectáculos obtiveron algún dos galardóns nunha noite en que Commedia, de Contraproducións, que estaba nomeada en 12 categorías, levou tres recoñecementos: espectáculo, actor secundario (Marcos Orsi) e vestiario (Suso Montero), o mesmo número que Invisibles, de Redrum Teatro (nomeada a catro): dirección (Marián Bañobre), iluminación (Laura Iturralde) e adaptación-tradución (Santiago Coregoso e Marián Bañobre).

O servidor de dous amos, de Talía Teatro, acadou outros dous galardóns: Maquillaxe (Martina Cambeiro) e actriz secundaria (Marta Lado). Casa O Rei, de Ibuprofeno, tamén recibiu dous premios: actor protagonista (Miguel Borines) e música orixinal (Caxade) e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, fíxose con outros dous: actriz protagonista (Iria Pinheiro) e mellor texto orixinal (Iria Pinheiro e María Lado).

Divinas palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, aue partía como unha das favoritas, con sete nomeacións, levou un premio María Casares: escenografía (Suso Montero) e Patapatúm, de Elefante Elegante logrou o de mellor espectáculo infantil. 

As gañadoras e gañadores recibiron unha intepretación do rostro de María Casares a cargo da ceramista Paula Pereira (Arcade, 1986). As pezas substituíron ás tradicionalmente empregadas de Sargadelos. Unha decisión cpnsecuencia das "decisións empresariais e ás declaracións ao respecto da acción sindical da actual dirección do grupo”, indicara nun comunicado a Asociación de Actores e Actrices.

Un total de 32 obras aspiraban a optar unha estatuíña.

A gala

Os directores Juanillo Esteban e Carlos Sante conduciron unha gala que trasladou o público congregado no Teatro Rosalía Castro da Coruña á época do Imperio Romano. Non faltaron as técnicas do novo circo. Portes, clown, teas aéreas, corda lisa, teatro xestual ou parodia cómica formaron parte dunha gala cuxa escenografía correu por conta de Suso Montero.

Durante o evento o actor e dramaturgo Carlos Santiago leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e as Aulas de Teatro Universitario de Santiago e Ourense recibiron o Premio de Honra Marisa Soto.

Mabel Rivera, sobre a TVG, "Até aquí chegamos"

Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG, pronunciou un discurso en que explicou por que a gala non foi retransmitida pola TVG. “Non conseguimos nunca que a gala se emitise nun horario razoábel e pola primeira canle. Intentouse ano tras ano, pero este último non tivemos sequera a opción de expoñer directamente -e de negociar- as nosas peticións diante de alguén, sermos recibidas por alguén. E até aquí chegamos”, lamentou Mabel Rivera.

A actriz agregaba: “nós somos os rostros, as voces, o talento nunha palabra, do audiovisual deste país. Moito antes de existir a canle autonómica, moitas de nós xa estabamos traballando nesta que é unha das manifestacións culturais máis sobranceiras do país, comprometida e pioneira, en certo modo no uso da lingua no directo co público desde a nosa profesión”.

Comentarios