A Comisión de Igualdade destaca o papel de Mabel Rivera na creación do teatro e audiovisual galegos

A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura dedica á actriz Mabel Rivera a súa xornada anual dedicada a recoñecer a traxectoria dunha muller nalgún dos ámbitos culturais ou sociais. “Escénicas. Mabel Rivera” desenvolverase este xoves día 24 coordinada por Dolores Vilavedra e Inma López Silva.  

Mabel Rivera
photo_camera Mabel Rivera

“A figura de Mabel Rivera é fundamental para a conformación dun teatro e un espazo audiovisual con selo de identidade galego”, defenden Dolores Vilavedra e Inma López Silva que coordinan a xornada anual que a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega dedica cada ano a unha muller que teña destacado no seu ámbito. Trinta anos de traxectoria artística  nas artes escénicas que se revisarán durante toda a xornada na que participarán especialistas e persoas relacionadas coa actriz.  

Alén de destacar o papel de Mabel Rivera no desenvolvemento dos sectores teatral e audiovisual e o protagonismo das mulleres no proceso, a xornada quere tamén “homenaxear un sector artístico enteiro, o das artes escénicas, que, hoxe máis ca nunca, require atencións e análises que demostren non só a súa vitalidade, senón a súa capacidade para renovarse e renovarnos, en boa medida grazas o mantemento desa actitude ousada das herdeiras de Mabel Rivera”.

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, a Coordinadora da Comisión de Igualdade, Mª Xosé Agra e o da Sección de Música e Artes Escénicas, Maximino Zumalave abrirán ás 10 da mañá unha xornada na que participarán na sesión de mañá Mabel Rivera, Francisco Oti, Aldrea Álvarez Pino , Mónica Caamaño, Xosé Barato, Marta Pérez e Martín Pawley que debaterán sobre a actualidade das artes escénicas. Como en todas as xornadas anuais, Mariam Mariño, Técnica da Comisión de Igualdade, presentará a cartografía de Mabel Rivera que permanecerá pendurada no portal Álbum de Mulleres e na que se recollerán datos, imaxes, textos e documentos que recollerán os principais feitos da traxectoria da actriz. 

Na sesión de tarde, a xornalista Sandra Faginas conversará con Mabel Rivera Torres antes dunha nova mesa redonda que contará coa participación de Eduardo Alonso, Ánxeles Cuña Bóveda, Lara Rozados e Damián Villalaín. A seguir, por volta das 18.15 desenvolverase un espazo de microteatro a carto da directora de Cristina Domínguez e coas actrices Melania Cruz, Beatriz Campos, Sheila Fariña. A xornada é aberta ao público mais pódese tamén inscribir para acadar o certificado de participación. 

Comentarios