Cultura

O cómic 'Elisa e Marcela' deixa no ar a identidade de xénero de Mario-Elisa

Con motivo do Día do Orgullo, o Consello da Cultura Galega edita unha banda deseñada encamiñada a divulgar a historia de Elisa e Marcela. A ilustradora Xulia Vicente é a encargada de levar aos cadriños este icónico periplo vital, unha misión que emprendeeu con fondo respecto polo que representa, mais tendo que suplir algúns ocos desde a ficción nunha interpretación persoal que se nutre de achegas anteriores ao romance, como a da Panadería e Isabel Coixet. 
Cadriño da banda deseñada, no que se recolle a voda entre Elisa e Mario.
photo_camera Cadriño da banda deseñada, no que se recolle a voda entre Elisa e Mario.

A historia de Elisa e Marcela continúa a súa transfiguración en distintos soportes e formatos artísticos. A máis recente é a banda deseñada que vén de publicar Xulia Vicente con motivo do Día do Orgullo, un proxecto xurdiu por encargo do Consello da Cultura Galega. Logo de recibir unha chamada telefónica, a autora desenvolveu o guión da historia baseándose na reconstrución da historia das namoradas que elabora Narciso de Gabriel no libro Elisa e Marcela, amigas e amantes (Xerais, 2019), a partir da documentación histórica que chegou aos nosos días.

Achegarse a unha historia coma esta supuxo todo un desafío. Os traballos previos de Vicente encádranse, como adoita acontecer na banda deseñada, no mundo da ficción, polo que achegarse a vidas reais resultaba cando menos chocante.

"A verdade é que tiña moito medo ao principio", confesa Vicente

"A verdade é que tiña moito medo ao principio", confesa Vicente en conversa con Nós Diario. A ilustradora ficou en "shock total" cando a contactaron, consciente de que o percurso de Elisa e Marcela representa "un símbolo para moitas persoas". Isto botáballe enriba unha "presión" extra coa que tivo que aprender a lidar.

A confianza precisa

"Xa de normal escribo pouco", engade, e a proposta do Consello era para facer 24 páxinas a partir de feitos reais, o que implicou u un proceso de documentación intensiva, traballando tamén con arquivos gráficos da época. "Era algo que non fixera nunca", di Vicente. Esta fase levou tempo, nun proceso longo no que Vicente conseguiu superar un dos maiores atrancos: "gañar a confianza precisa no que estaba a facer", pois ao principio sentíase "moi dubidosa".

Así, procurou o asesoramento de xente que coñecía ben a historia de Elisa e Marcela, como Guillermina Domínguez –casada con Estela Lama en 2005, no primeiro matrimonio lésnico oficial homosexual na Galiza–, ou as rapazas da Panadaría, que levaron o relato ao teatro en 2018 con grande éxito de crítica e público, traducido en 9 premios, entre eles o María Casares a Mellor Espectáculo.

"Case é un proxecto colaborativo con toda esa xente", di Vicente. Co alimento destes materiais, saíu adiante unha estrutura froito de moitas revisións. Ao final, o espazo quedáballe curto. Vicente pediu alongar 4 páxinas máis para facer o guión con máis calidade.

Na súa propia interpretación e para facer progresar o relato, Vicente toma algunha licenza sobre os feitos reais coñecidos. Por exemplo, a escena na que revisan os xenitais de Mario-Elisa na cadea, situada en Portugal no cómic, tería acontecido con anterioridade e de maneira semellante na Coruña.

Fontes de inspiración

A obra da Panadaría "deume moitas ideas sobre xiros que darlle ás cousas", di Vicente. "Paréceme moi interesante como levan todo ao seu terreo e fan comentario político", engade. Mais para alén da súa influencia, tivo en mente a adaptación cinematográfica de Isabel Coixet, da que recollería o xerme das personaxes dos mozos ou da escena da festa, un recurso narrativo que lle resultaría útil para enlazar secuencias e amosar as consecuencias ou describir as motivacións das protagonistas.

"O que fixo Isabel Coixet está máis metido en narrativas máis tradicionais, non tan cuestionantes, e tiña moitas cousas que non acababan de encaixar con como vía eu a historia", di Vicente

Porén, "o que fixo Isabel está máis metido en narrativas máis tradicionais, non tan cuestionantes, e tiña moitas cousas que non acababan de encaixar con como vía eu a historia". Sempre desde o respecto á visión da autora, a caracterización ou o abuso de escenas sexuais desde unha ollada más convencional non a convencían para a súa propia achega.

Doutra banda, a ambientación tampouco remitía á "Galiza rural que eu coñezo tanto, daba máis a sensación dun non lugar", valora Vicente. Ademais, ao introducir o drama do abandono da filla –tamén licenza ficcional– "incide máis no lado dramático da historia", cun ton xeral bastante escuro. "A min parecíame que a historia daba cabida a bastante luz, e mesmo humor, e quería explorar máis por ese lado", explica a ilustradora.

Identidade aberta

Vicente construíu Elisa desde a aparencia masculina de Mario, pois son súas as únicas fotografías conservadas. "Tampouco tiña outra posibilidade, pero paréceme moi significativo", comenta. "Interesábame deixar aberto que realmente non sabemos se Elisa era máis ben Mario", aclara. Neste senso, aínda que os testemuños gardados da prensa deben tomarse con cautela, probabelmente enchoupados polo amarelismo, hai moitas afirmacións de que a Mario se lle vía moito máis "nos seus zapatos", e logo de saír da prisión e "vestir roupa ‘de muller’ semellaba máis violenta", conta Vicente.

"Interesábame deixar aberto que realmente non sabemos se Elisa era máis ben Mario", aclara

Desta maneira, a ilustradora ofrece unha singular ollada sobre uns feitos dos que só podemos imaxinar a verdade a través das pegadas deixadas, dunha pequena historia de resistencia desde os afectos e desafío ao estabelecido que se transformaría en símbolo da loita LGTBIQ+ na Galiza. 

Comentarios