Comezan esta fin de semana os actos na honra de Rosalía

Todo o país honra a Rosalía estes días. A AELG celebra este domingo no Panteón de Galegos Ilustres a súa tradicional homenaxe á poeta. E a Casa-Museo celebra o sábado 20 unha homenaxe a Rosalía e a José Afonso.

rosalia-cadro
photo_camera Imaxe do óleo pintado por Modesto Brocos, único retrato de Rosalía en vida

O acto central da Asociación de Escritores-as, que se vén celebrando desde 2011, terá lugar o domingo 21 de febreiro ás 12 horas no Panteón de Galegos Ilustres. Alí lerase o manifesto anual para esta celebración, que nesta ocasión lerá Suso de Toro. 

Ademais, haberá unha actuación da coral da asociación cultural e musical Solfa, que interpretará temas de Rosalía, Castelao e Manuel María, e haberá lectura de poemas por parte de varias escritoras e escritores, como María Xesús Astray Rodríguez, Afonso Becerra, Rosalía Fernández Rial, Margarita Ledo, Celia Parra, Mercedes Queixas Zas, Eli Ríos, Isabel Risco, Alba María e Francisco Susavila.

Encontro galego-portugués en Padrón

Mentres, o sábado na Casa-Museo de Rosalía terá lugar unha homenaxe á poeta e ao cantor portugués José Afonso (que morreu un 23 de febreiro de 1987), cun concerto do grupo de Braga Canto D’Aqui, que interpretará temas de ambos os dous autores. Ademais, haberá un relatorio por parte de Eduardo Pires de Oliveira baixo o título “Minho / Galiza - 2.000 anos de mãos dadas”.

Ademais, a Fundación Rosalía participará en actos por todo o país: en Lugo onde colaboran coa exposición fotográfica 'Airiños aires, Rosalía' de Xurxo Lobato que se inaugura a segunda feira na Sala Exposicións da Deputación de Lugo; e en Braga o 25 de febreiro, onde haberá relatorios e un concerto de Roi Casal. 

O mesmo Día de Rosalía, 24 de febreiro, celebrarase a tradicional alborada e ofrenda floral a Rosalía na estatua da Alameda en Compostela, con autoridades e co alumnado do IES Rosalía lendo poemas. Tamén haberá un acto en Padrón diante da súa estatua do Espolón e á noite, no auditorio, un concerto do grupo Xardín Desordenado. 

Amancio Prada na RAG

O cantor berciano ofrecerá un concerto o propio día 24 na sede da Real Academia Galega. O músico interpretará coa súa voz e guitarra composicións da poeta, á que leva cantando máis de corenta anos. A entrada é libre ata completar aforo. Para asistir será imprescindible retirar o convite, a partir do luns 22 na sede da Academia, na rúa Tabernas, 11 da Coruña. Cada persoa poderá retirar un máximo de dúas invitacións.

Comentarios