Comeza a Semana Galega da Filosofía en Pontevedra

Bota a andar até a vindeira sexta feira, 9 de abril, a Semana Galega da Filosofía, que decorre de modo presencial e en liña no Teatro Principal de Pontevedra.
filosofia3
photo_camera O economista da Universidade de Vigo Albino Prada Blanco. (Foto: Nós Diario)

O Teatro Principal de Pontevedra acolle desde esta segunda feira, 5 de baril, e até a sexta a feira, día 9, a XXXVII Semana Galega da Filosofía. Un evento que a Covid-19 obrigou a cancelar en 2020 e que agora retoma a temática prevista para entón baixo o título "Filosofía e civilización dixital". 

O economista Albino Prada Blanco e mais a editora e creadora de contidos Iolanda Gomis foron os encargados de ofrecer as conferencias da xornada inaugural. Albino Prada, da Universidade de Vigo (UVigo), realizou unha "Crítica do hipercapitalismo dixital", centrado nas grandes empresas que controlan "as formas de produción e de distribución de riqueza".

Na sesión vespertina, Iolanda Gomis, creadora de contidos para o elearning, relatou arredor de "Tecnoloxía e sociedade na Galiza", que tratou os novos dominios e oportunidades da era da comunicación.

A xornada da terza, 6 de abril, está protagonizada por Santiago López Petit, da Universidade de Barcelona; e Iolanda Mato, da Fundação Montescola. O profesor catalán disertará sobre "O algoritmo da vida" e a diferenza entre vivir e "ter unha vida que xestionar".

Pola tarde, Mato, veciña da Comunidade de Frojám, en Lousame, ofrece a charla "Galiza (não) é uma mina: extrativismo e engenharia social no contexto da emergência climática". 

Nos vindeiros días, a Semana Galega da Filosofía contará coa presenza de Belén Castellanos, profesora de filosofía na UNED (Universidade Nacional de Educación a Distancia), que falará sobre "Tempos virtuais e realidade fragmentada"; e o escritor David Rodríguez, que disertará arredor do "Capitalismo total na Galiza", na cuarta feira.

Para a quinta feira contarase con Antonio Lafuente, do Consello Superior de Investigacións Científicas, que tratará o "Sonambulismo tecnolóxico"; e Antonio Rial, da USC (Universidade de Santiago de Compostela), cuxa charla se titula "Do imperio do selfie á tiranía de Instagram".

A xornada de clausura, o día 9, contará con Andoni Alonso, da Universidade Complutense, e con Sabela Fraga, historiadora da Arte da UVigo, cuxas conferencias son "Decadencia do progreso" e "A irrupción da imaxe", respectivamente.

Cada palestra decorre de modo presencial, con cabida limitada, e na web da Aula Castelao, e sucédense de 11.30 a 13.30 horas e de 18 a 20 horas cada un dos días.

Comentarios