Comeza en Santiago o 'Plataforma' con Antón Reixa de volta ás performances

O festival reúne unha exposición, accións artísticas, danza e obradoiros
Antón Reixa é o autor do manifesto en Compostela (Foto: UVigo)
photo_camera Antón Reixa é o autor do manifesto en Compostela (Foto: UVigo)

O Festival de Artes Performativas Plataforma comezou onte en Santiago unha nova tempada coa entrega do seu terceiro premio anual á traxectoria do artista Antón Reixa. Con este galardón, a cuarta edición do festival lembrou a ampla carreira cultural do vigués e as súas pioneiras intervencións en performance.

Reixa, acompañado pola Banda Municipal de Música de Santiago, actuará no Plataforma esta quinta feira coa performance Un só familiar por paciente (e non viceversa) na praza do Obradoiro (20 horas).

O artista, a partir dunha experiencia persoal, explica que “cando me dan de alta nun hospital, alégrome, pero axiña me envolve a certeza de que estatisticamente volverei entrar nese hospital ou en calquera outro”.

Considera que “un hospital é un mundo con regras propias" e explica que "no último que visitei, nas portas de todos os cuartos había unha nota imperativa de “un só familiar por paciente”. E se un non ten familia?", pregúntase o vigués. 

O evento comezou esta segunda feira coa actuación de Mery Pais, unha artista merecedora de premios tales como o Primeiro Premio Auditorio da Galiza para Novos Artistas e bolseira en diferentes residencias artísticas tales como o “III Encontro de Artistas Novos” Cidade da Cultura.

Continuará mañá cun obradoiro da compostelá Ana Gesto que culminará cunha mostra pública dos resultados dentro do programa oficial.

Seguirán entre outras, as performance de Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld (8 de xuño), Verónica Ruth e Cristina Balboa (10 de xuño) e Marc Vives (15 de xuño); a exposición de Françoise Vanneraud (9 de xuño); e o espectáculo de danza de Olga Cameselle (10 de xuño).

Comentarios