Comeza o Culturgal máis “expansivo” nun tempo de crise e cambio no sector

Como unha casa da cultura galega e unha casa en expansión define “Culturgal” o seu director Sergio Lago. A feira das industrias culturais chega a súa nova edición en Pontevedra nun momento no que o sector está a padecer a crise de maneira singular. Até o domingo día 2 o escaparate da cultura está aberto no recinto feiral pontevedrés.

As imaxes do pasado ano do Culturgal recollen os corredores do recinto feiral de Pontevedra ateigados de xente, en especial, público familiar. Desta volta, 140 actividades volverán converter a cidade do Lérez no maior escaparate da cultura galega, un observatorio privilexiado para medir o dinamismo do sector nun momento crítico no seu desenvolvemento.

“A situación de crise económica está a afectar á cultura mais tamén hai sectores que, en especial, viven o que podemos chamar a treboada perfecta, con cambios de modelo ou mesmo das formas de vender o producto”, explica Sergio Lago. Con respecto ao tempo de deseño e selección de propostas do Culturgal, o que se detectou desde a organización é a existencia de situacións diversas, empresas que desaparecen abafadas pola crise, outras que cambian a súa forma de traballar e tamén novos proxectos que agroman con entusiasmo. En todas ellas, o que si considera Lago, é que Culturgal se tornou xa un “espazo de visibilización especialmente agarimado. Unha tenda pode pasar unha situación dura e amañar os problemas na trastenda pero tenta non descoidar o escaparate”.

Ese andel de cara ao público convértese así,ao seu ver, “nun oasis nunha situación tan complexa”. Evidencia tamén que, mália os problemas, “a cultura galega atravesa un momento con calidade de propostas e novos proxectos, o escaparate segue a ser bo e de calidade”.

Durante tres días, a cultura abre a súa tenda colectiva, a súa mostra conxunta que, a dicir dos organizadores, resulta rendíbel. “Atrae moito público e serve para unir forzas” valora o director, nun sector no que, segundo os datos que manexan, move arredor do 1,8 e 2% do PIB.

 As chaves dunha casa aberta

 Mália o descenso do gasto cultural debido á crise, Sergio Lago confía nas posibilidades de facturación na propia feira. A proximidade do Nadal e a asequibilidade dalgúns productos fronte a outro tipo de agasallo son, ao seu dicir, algunhas das fortalezas do sector para que o Culturgal se converta nunha oportunidade para as empresas culturais.

“A casa da cultura galega é a túa casa. Ti tes as chaves” é a lenda que preside eta edición do Culturgal e o convite foi respondido pola multitude de propostas que fan desta, segundo os seus organizadores, unha edición especialmente “expansiva”. “Demostra que a xente se está a apropiar do encontro e proponse para participar nel activamente”, comenta Lago. Un orzamento de 250.000 euros, un 15% menos que na pasada edición, é o que manexa un evento. Cantidade que, segundo comentou o presidente da Asociación Culturgal Xulio Amigo na súa presentación ven sendo o “25% do orzamento emdio de calquera outro evento similar a nivel estatal” como o Mercat da Músic ade Vic, a Fira de Tárreca ou a FICA de Andalucía.

A Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) traballan de maneira conxunta na entidade de asociacións profesionais que organiza o Culturgal.  

Comentarios