Comeza Sete Falares, o encontro internacional de contos de Pontevedra

Hoxe quinta feira comeza en Pontevedra “Sete Falares”, o Encontro Internacional de Contadores de Historias que chega así á quinta edición.

pavíspavós-1024x768
photo_camera Pavís Pavós, participantes e organizadores do festival

Nos Sete Falares, que ten lugar do 2 ao 5 de xuño, haberá tríos de narradores, rutas de historias e sesións de contos en espazos singulares da cidade de Pontevedra. O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), a Casa das Campás, o Teatro Principal ou o emblemático adro da Peregrina serán algúns deles. O encontro promete ser toda unha festa da narración oral e está orientado principalmente a público adulto, aínda que tamén haberá sesións dirixidas a público familiar. 

Toda a programación é de balde, a excepción da gala de clausura, onde contarán todos os participantes e participará tamén o Seminario de Jazz de Pontevedra. 

Haberá contos tradicionais xaponeses con dragóns como protagonistas da man de Yoshi Hioki; portugueses con Jorge Serafim; brasileiros con Benita Prieto, unha referencia da narración oral a nivel mundial; Joxemari Carrere desde o País Vasco; e desde Galiza Charo Pita e Pavís Pavós (Xacobe Rodríguez e Tareixa Alonso), que tamén son os organizadores do festival. 

Comentarios