A cita anual da cultura galega celebra a súa 15ª edición desde esta quinta feira até o 27 de novembro

Comeza un Culturgal dirixido a apoiar ao tecido profesional da cultura

Na edición do Culturgal deste ano, a programación dirixida a profesionais adquire un corpo destacado cun panel de 30 actividades nas que están implicadas boa parte das asociacións sectoriais e profesionais que operan na cultura galega. Ser de utilidade para as persoas e entidades que traballan en xestión cultural, é unha das apostas desta 15ª edición. 

O equipo da Culturgal, dirixido por Eva Alonso, estivo a traballar durante o verán nas diferentes liñas desta edición.
photo_camera O equipo da Culturgal, dirixido por Eva Alonso, estivo a traballar durante o verán nas diferentes liñas desta edición.

Aínda que só para profesionais, Culturgal comeza esta quinta feira as súas actividades. Precisamente este ano, a dirección da feira quixo consolidar e reforzar o espazo profesional, que contará cun lugar físico dedicado exclusivamente a estes encontros onde as diferentes asociacións profesionais debaten e realizan faladoiros, mesas redondas, obradoiros, sesións formativas, foros e presentacións de informes.

"O reforzamento deste espazo profesional foi unha directriz da Xunta Directiva de Culturgal", explica Diego V. Meizoso, xerente de Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, unha das que fan parte desa Xunta Directiva. "Era necesario que os profesionais da cultura sacasen rendemento dunha feira destas dimensións máis alá da oportunidade de divulgar entre o público as nosas actividades, que tamén é importante".  

As restricións ás que se viu sometida a industria cultural por mor da pandemia e a necesidade de reaxir ante as súas consecuencias non foron a única motivación para crear ese espazo de debate e encontro, pero si aceleraron o seu reforzamento dentro da feira. 

"Este é un asunto que está presente en calquera xuntanza do mundo da cultura", aclara Meizoso. "Aínda estamos lonxe dos marcos de 2019 e recuperar a normalidade é un argumento transversal que nos afecta a todos, polo que si se pode dicir que, malia que haxa reunións que non teñan como tema principal as consecuencias da pandemia, esta é unha cuestión que sempre sobrevoa as dinámicas de traballo". 

 

Exhibición de músculo

Henrique Alvarellos, da Asociación Galega de Editores (AGE), subliña a fortaleza dunha feira que non só sobreviviu á pandemia, senón que se consolida cada ano que pasa. "No sector da edición, este ano batemos un récord: haberá 17 editoriais con stand propio, só das que son socias de AGE", desvela, "sen contar con que haberá algunha máis que non pertence á nosa asociación. Creo que Culturgal está xa asentadísima e que é unha moi feliz iniciativa  de convivencia da industria cultural que serve de modelo en moitas outras partes do Estado. Unha boa proba da súa vitalidade é que os expositores se esgotaron ás poucas horas de poñerse a disposición das empresas". 

"En realidade, é unha demostración da potencia creativa da cultura do país", indica Alvarellos. "A cultura move un 2% do PIB galego e crea uns 30.000 postos de traballo. A cambio, debemos recoñecer a febleza do tecido empresarial. Creo que todo iso está presente na feira".  

Culturgal nace como unha iniciativa dos editores que quixeron seducir outros sectores da cultura para exhibir músculo ante o público. Na actualidade, forman parte da súa Xunta Directiva a Asociación Galega de Editores, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Mais son moitas outras as que se suman ao esforzo de facer realidade a feira. Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega de Teatro, que realiza na feira a súa asemblea xeral, opina que "Culturgal non só está moi consolidada senón que está dando un golpe de temón para dar cabida a unha maior implicación das asociacións profesionais, que, na miña opinión, están respondendo moi ben a esa convocatoria. De feito, os problemas que ten a industria cultural galega esixe que se creen iniciativas que sexan positivas para todos. É a única forma de facer presión a prol da cultura, de crear lobby". 

Ese reforzamento do espazo profesional, segundo Alonso, implica que "a sociedade, o público, que sempre acompañou a feira, tamén poderá ver os esforzos das persoas e as entidades máis estreitamente relacionadas coa produción cultural, ao ter acceso directo a esas iniciativas que visan a mellorar o tecido empresarial da cultura".

Comentarios