Comeza en Carballo o primeiro festival de webseries do Estado

Do 24 ao 27 de abril, a capital bergantiñá acolle o primeiro festival de webseries do ámbito estatal, o Carballo Interplay (CIP), cunha sección oficial na que brillan webseries que son referente.

Carballo Interplay
photo_camera Carballo Interplay

En tempos de crise, o futuro do audiovisual técese na rede. Dende hai uns anos, as webseries comezaron a abrir novas vías de expresión e financiamento. Nos  últimos tempos, festivais internacionais están a darlle o recoñecemento que merecen. Galiza, e máis concreto Carballo, será pioneira en facelo no Estado. Do 24 ao 27 de abril, a capital bergantiñá acolle o primeiro festival de webseries do ámbito estatal, o Carballo Interplay (CIP), cunha sección oficial na que brillan webseries que son referente e, sobre todo, cun importante espazo para a reflexión sobre un ámbito no que apenas hai nada escrito e sobre o que, porén, hai moito que contar: dende a experimentación narrativa até os novos modelos que están a xurdir para afrontar as dificultades de financiamento.

Entre as 35 webseries  que foron seleccionadas para a sección oficial atoparemos referentes como Freaklances ou a veterana Cálico electrónico, a exitosa webserie catalana "Les Coses Grans", a premiada  "La grieta", un título ben coñecido do xénero zombie como "Cabanyal Z" ou webseries galegas como "Clases de lo social".

Apoio a unha iniciativa pioneira

"É importante que, dende lugares como Carballo e dende a administración local se apoien iniciativas coma esta", afirma María Yáñez, creadora de contidos na rede que estará ao cargo da mesa sobre novas narrativas audiovisuais en Internet. Para Yáñez, o Carballo Interplay reúne o valor de apostar pola cultura, polo oficio de contar historias e por un xénero que abre novas posibilidades nun momento en que internet marca un auténtico cambio de paradigma. As narrativas transmedia, a remestura ou as narrativas de código aberto serán algún dos aspectos nos que abondará o CIP.

"As webseries foron un movemento un pouco underground pero, grazas a festivais coma este estánselle dando recoñecemento e potenciándoas a nivel comercial", asegura Julio Garma,unha das voces expertas coa que o CIP vai contar para falar de novas vías de financiamento para o sector como o branded content (facer que unha marca, produto ou servizo sexa protagonista dunha webserie) ou o Freaklances Project, o proxecto de distribución de webseries no que traballa Garma. 
Reflexión, exhibición, análise e tamén diversión, o Carballo Interplay está ideado para ser unha panorámica pioneira das webseries no eido estatal.

Comentarios