Un Cans protagonizado por Montxo Armendariz que lembra os 15 anos do Prestige

Mañá cuarta feira comeza a décimo cuarta edición do Festival de Cans, a máis popular das citas co cinema deste país, que é moito máis que un festival audiovisual, no que a presenza da música e doutras artes é fundamental.

cans3
photo_camera Imaxe dunha edición anterior do Festival de Cans

O Festival de Cans chega nesta 14ª edición reforzando eixos fundamenteis da súa programación ao potenciar a liña dos coloquios e encontros e abríndose a outras discilplinas como a gastronomía, as artes plásticas ou a literatura, que confluirán na parroquia porriñense desde o 24 ao 27 de maio. De Montxo Armendariz a Corizonas, pasando pola Familia Caamagno e Terbutalina... Cans acollerá 107 audiovisuais, das que 22 curtametraxes –16 de ficción e de 6 animación- e 19 videoclips entran a concurso.

O certame continúa adaptándose ano tras ano ás novas necesidades e demandas do público, polo que contará nesta edición cun xoves de Festival especialmente reforzado no tocante a contidos. A Praza do Concello do Porriño e a súa contorna serán testemuñas da Can Parade para implicar máis á veciñanza, pero tamén da música dos irmáns Electric Feels ou o concerto da banda Escuchando Elefantes.

Ademais, os cociñeiros Mahou Inés Abril e Rafa Centeno -do restaurante Estrella Michelín Maruja Limón- ofrecerán “Tapas de cine” ao público asistente mesturando cinema e produtos do país. Nesta xornada do xoves 25 tamén se desenvolverá no Bar Liceum do Porriño o I Encontro de Realizadores e Realizadoras de videoclips do Festival de Cans, ao que se lle suman coloquios que terán lugar durante o Festival coma o habitual Café con CREA -que contará como convidado especial nesta ocasión con Guillermo García, director do documental 'Frágil equilibrio' e gañador dun premio Goya-, o II Encontro de Curtametraxistas no Espazo Mahou na Leira de Alicia.

Nesta ocasión súmanse a estas actividades as visitas de actores e actrices de AISGE que recibirán cada mañá os asistentes ao Festival ou o xa tradicional Coloquio na Leira, que nesta ocasión terá como protagonista ao cineasta Montxo Armendáriz, un director que foi galardoado en dúas ocasións co premio Goya e estivo nomeado nunha ocasión aos premios Oscar na categoría “mellor filme extranxeiro” por 'Secretos del corazón', será nesta ocasión o encargado de encher a Leira de curiosos.

Filmes sobre o Prestige

O Jalpón de Alicia terá unha programación especial que fusionará música con audiovisuais ao acoller unha escolma dos mellores videoclips de Eladio y los Seres Queridos e a estrea mundial do novo videoclip de Terbutalina “Ninguén che quere”, que formará parte de “Sonido Esteiro“, o seu próximo traballo. Este ano o certame terá un especial oco para pezas audiovisuais relacionadas coa catástrofe do Prestige como 'Crebinsky' -de Enrique Otero-, 'Carcamáns' -de Marcos Nine-, 'Man' -Manuel Abraldes-, ou 'Toxic percebe' -de Xabier Jácome-. Ademais para lembrar a efeméride destes 15 anos do Prestige, estrearase tamén nesta edición do Festival o documental inédito 'Mar de fondo', do cineasta Dani Guzmán, que foi gravado durante unha estadía súa en Galiza no 2002 tras o accidente.

A música segue estando na primeira liña do Espazo Mahou na Leira de Alicia,véndose incrementada nesta edición con León Benavente, Eladio y los Seres Queridos, Edu Romero ou Nico Pastoriza na súa faceta de DJs pero tamén invadirá por completo o Torreiro cos concertos de Corizonas, Adrián Costa & The Criers, Familia Caamagno ou Terbutalina.

Cans tamén reforza a programación infantil, que segue medrando con proxeccións, música e obradoiros. Os máis pequenos terán actividades no Cuberto do Pato, no Baixo de Carlos e o parque do río, onde poderán gozar da Caixa de Mistos, da música de “O Trío do Acivro”, a voz de Suso Vaamonde musicando poemas de Neira Vilas nas súas “Cantarolas para xente miúda” ou do espectáculo de Polo Correo do Vento, no que os máis pequenos poderán aprender como levas debuxos ao cinema a través dun storyboard.

Comentarios