Colocada a primeira pedra para a coordinación dos festivais de cine galegos

En Galiza hai 19 (si, dezanove) festivais de cinema. En consecuencia, vén de poñerse en marcha a Coordinadora que intentará, polo menos, poñelos de acordo. 

coordinador-fest-cine
photo_camera Coordinadora dos Festivais de Cine de Galicia

Os festivais de cine galegos, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual, veñen de poñer en marcha a Coordinadora de festivais de cine de Galicia. Nunha reunión celebrada a pasada sexta feira na Fundación SGAE, en Santiago de Compostela, os representantes dos festivais máis membros da directiva da Academia decidiron crear unha xestora que poña en marcha esta asociación para que no vindeiro mes de decembro se celebre a asamblea fundacional da mesma. Este colectivo de festivais galegos nace coa intención de agrupar a todas as citas festivaleiras audiovisuais que se celebran en Galiza.

Como obxectivos fundamentais, esta coordinadora pretende dar a coñecer e poñer en valor o traballo que están realizando os distintos festivais, cada un no seu ámbito e xénero, ao tempo que ten que servir de canle de comunicación entre eles.

Ademais de favorecer estas primeiras reunións previas, a Academia Galega do Audiovisual está poñendo en marcha unha base de datos con todas as citas festivaleiras que se celebran en Galicia para favorecer a comunicación entre festivais e para dar a coñecer aos espectadores todas convocatorias existentes no país.

A xestora, formada voluntariamente por representantes de cinco festivais,  redactará un texto inicial que será enviado a todos os festivais galegos, que poderán facer as súas aportacións. Este texto servirá de base para os estatutos da coordinadora e deberá ser aprobado na asemblea que está previsto convocar para o mes de decembro próximo.

Comentarios