domingo 25/07/21

Colmeiro: identidade e vangarda. A cara máis comprometida do pintor

Unha exposición na Fundación Torrente Ballester de Santiago presenta unha imaxe rupturista de Colmeiro, que o distancia dos tópicos que o definen como un paisaxista "lírico" e clasicista, e que presenta a súa obra entre dous polos en diálogo: a construción nacional galega e a vangarda artística internacional. 
Un dos debuxos de guerra que se amosan na exposición. (Foto: Comodato Colmeiro) #colmeiro #arte #debuxo #guerra
Un dos debuxos de guerra que se amosan na exposición. (Foto: Comodato Colmeiro)

As primeiras décadas do século XX foron testemuñas, en Europa e América, das contradicións xeradas pola consolidación dos valores da cultura burguesa nun ambiente de grande axitación social e de arelas revolucionarias. As vangardas artísticas, a polarización política arredor do comunismo e o fascismo, e o derrubamento da vella orde mundial tras a Gran Guerra propiciaron un enorme fervedoiro de novas ideas que, na Galiza, deu lugar a un debate cuxos polos se situaban nos conceptos de identidade e modernidade. 

A arte galega da altura trataba de responder, como no resto do continente, ás incertezas daquel tempo de desacougo desde unha posición que era, ao tempo, ética e estética. A identidade non podía desvelarse sen recoñecerse no contexto social e os artistas que participaron no movemento de renovación estética que se deu naqueles anos, eran conscientes de que unha arte nacional tiña que ser, tamén, unha arte comprometida coas clases populares. 

A exposición Manuel Colmeiro (1919-1939). Arte en tempos de desacougo, que agora se exhibe na Fundación Torrente Ballester de Santiago de Compostela, mostra a obra de Colmeiro durante dúas décadas nas que a xeración de artistas galegos coñecidos daquela como Os novos tentaba renovar a arte conciliando as vangardas internacionais coa tradición estética autóctona, coa intención de afondar na identidade galega a través dunha incuestionábel vocación de intervención social. 

A mostra ten a súa orixe na investigación levada a cabo polo seu comisario, Carlos López Bernárdez, sobre a figura de Colmeiro, que xa dera lugar a outra exhibición sobre o artista, Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos, que decorreu no Marco de Vigo en 2020 e que logrou transformar radicalmente a visión que se tiña sobre o artista. Fronte a idea máis tópica do pintor clasicista e lírico que se estendeu nas últimas décadas, Bernárdez descubría un pintor que se enfrontou coas contradicións e convulsións da súa época e que reaccionou cun forte compromiso social contribuíndo á busca dunha arte propiamente galega. Non debemos esquecer que, nesta procura, ecoa aquela esixencia das Irmandades da Fala de reivindicar a soberanía estética do país.

No caso de Colmeiro, ese compromiso amósase na atención prestada ao mundo do traballo, que irá evoluíndo cara á creación das figuras icónicas do labrego e da mater, a muller galega traballadora. O artista formárase na emigración, en Bos Aires, onde traballou nun ambiente de fortes preocupacións políticas, culturais, estéticas e filosóficas. A influencia marxista e o impacto da Revolución soviética tórnase evidente nun pintor que  chegou a "proletarizarse", a entrar a traballar nunha fábrica de zapatos para comprobar, segundo as súas propias declaracións, "como funcionaban os sindicatos obreiros".

Os debuxos da guerra

A gran sorpresa desta nova mirada sobre Colmeiro son os debuxos cos que o pintor responde a todo o horror desatado tras o golpe de Estado de 1936.

Son obras que tratan de reflexar a barbarie provocada polos fascistas e que deben situarse nunha tradición que inclúe os álbumes de guerra de Castelao ou as obras de Seoane sobre ese tema. 

Trátase de deseños que se alinean coa arte de guerra de influxo expresionista goyesco que entroncan, mesmo, coa obra doutros autores internacionais como Henry Moore, Philip Guston, George Grosz  ou o mesmo Picasso. É certo que xa foran expostos algunha vez, pero pasaron desapercibidos até o seu "redescubrimento" na exposición do Marco de Vigo. 

Como subliña Bernárdez, "No caso concreto de Colmeiro, a xestualidade das obras, o dramatismo dos rostros e o saudoso das expresións falan do pesadelo, do desacougo, da morte e do sombrizo mundo que lle tocou vivir. A súa visión da guerra, como a doutros artistas galegos: Castelao, Federico Rivas, Arturo Souto, Luís Seoane, Uxío Souto, Cándido Fernández Mazas, está marcada pola denuncia da represión e os asasinatos como motivo nuclear e dá tamén protagonismo á defensa da legalidade republicana e dos valores identitarios destruídos polos sublevados".

Un novo Colmeiro que se presenta como imprescindíbel para a comprensión do que somos.

A obriga de dar a coñecer unha obra imprescindíbel para comprendernos

A mostra chega nun momento en que a revisión dos realismos europeos e da súa relación coas vangardas "clásicas" permiten enmarcar con maior exactitude a traxectoria de Colmeiro dentro do devir das vangardas de principios do século XX: a creación dun movemento de renovación que crea un discurso estético cosmopolita e nacional a un tempo, unha arte que responde aos estímulos do seu tempo desde un contexto propio, o galego.

comentarios