Manuel Colmeiro: figura da identidade e o cosmopolitismo

A figura de Colmeiro precisa dunha revisión que o libere de tópicos e que enmarque a súa obra no seu contexto: a Galiza das Irmandades e de Nós, das vangardas artísticas e da Revolución Soviética, do debate sobre a modernidade e da ameaza do fascismo. O MARCO de Vigo publica agora o libro-catálogo da mostra que expuso en 2020.
'Sen título (A guerra)'. Concello de Vigo. Comodato Colmeiro.
photo_camera 'Sen título (A guerra)'. Concello de Vigo. Comodato Colmeiro. (Foto: Cedida)

Revisar a figura de Colmeiro, volver a contemplar a súa obra á luz dunha biografía que, dalgún modo, pasou desapercibida para quen só se fixou nesa proxección pública do artista que subliñaba de máis o elemento “enxebre” e lírico da súa pintura, deixando de lado cuestións tan fundamentais como o seu aliñamento cos que hoxe se denominan os “realismos de entreguerras”, o seu compromiso político, o seu labor na construción dunha vangarda en sintonía coas correntes internacionais da modernidade mais que non renegaba dunha identidade propia. Esta foi a intención da exposición Manuel Colmeiro.

Espazos e encadramentos, que se puido ver no MARCO de Vigo o pasado ano, e esta é a intención do catálogo que agora se publica, acrecentado cun estudo de Carlos L. Bernárdez, comisario da exposición, que converte o volume nunha peza imprescindíbel para o coñecemento da historia da arte do século XX no noso país.

“A idea era que a exposición comisariada por Bernárdez fose, sobre todo, un traballo de investigación”, declara Miguel Fernández-Cid, director do MARCO, “e se non a acompañase unha publicación destas características, o proxecto quedaría incompleto. En certo sentido, o catálogo é o que servirá, nun futuro, para que os investigadores afonden na figura de Colmeiro e para que a crítica o sitúe onde corresponde”.

Entre a construción nacional e a vangarda cosmopolita

O libro presenta unha imaxe moi rupturista de Colmeiro, afastada de tópicos e que fundamenta a súa obra entre dous polos en permanente diálogo: a construción nacional galega e a vangarda internacional. Xorde un artista que, a partir dunha formación marxista clásica, conecta a experimentación formal das vangardas coas preocupacións sociais que emerxen nunha época en que as tensións políticas abalan entre o triunfo da revolución soviética e o nacemento do fascismo.

A revisión dos realismos europeos e da súa relación coas vangardas “clásicas” así como o “redescubrimento “ da arte latinoamericana da época, permiten enmarcar con maior exactitude a traxectoria de Colmeiro -e dos seus compañeiros de xeración- dentro do devir das vangardas de principios do século XX: a creación dun movemento de renovación que crea un discurso estético cosmopolita e nacional a un tempo, unha arte que responde aos estímulos do seu tempo desde un contexto propio, o galego, que se toma como referencia.

“Eu vin a gran exposición que se fixo de Colmeiro no antigo Museo de Arte Contemporáneo de Madrid e era unha mostra moi grande pero moi repetitiva, que deixou unha visión de Colmeiro moi clasicista, de pintor moi establecido no sistema”, lembra Fernández-Cid. “Mostrar ese Colmeiro que se atopa con momentos de crise histórica e que reacciona cun forte compromiso social está moi afastado da imaxe que temos dun pintor da Galiza bucólica e lírica que predominou durante moito tempo. Creo que esa é a grandeza e a importancia do traballo de Bernárdez”.

Se cadra, ese compromiso amósase nunha constante na obra do pintor: a súa atención ao mundo do traballo, que irá evoluíndo cara á creación desas figuras icónicas do labrego e da mater, a muller galega traballadora. “Iso pasa desde o principio”, destaca Fernández Cid, “el vai de mozo a Bos Aires e o que pinta é a vida dos traballadores do porto; e acaba relacionándose cos artistas máis comprometidos política e esteticamente da cidade, como Horacio Coppola. O que o traballo de Bernárdez formula é a necesidade de revisar a figura de Colmeiro desde eses dous parámetros: o progresismo e o compromiso con Galiza”.

O libro, ademais, permite que a proxección exterior do pintor se libere dos lugares comúns: “Nós aquí temos máis referencias, pero fóra da Galiza todo o mundo tende a basearse nos tópicos difundidos anteriormente; se non publicásemos un libro coma este estariamos negando a posibilidade de dar a coñecer a presenza das vangardas na Galiza, a existencia dun debate sobre o que era a modernidade naquel tempo”, afirma Fernández-Cid.  

Os debuxos da guerra

Unha das grandes sorpresas da exposición foron os debuxos de guerra, a resposta á violencia desatada polo fascismo. Unhas obras nunha liña "goyesca" que lembran outras de artistas como Castelao, Picasso ou Henry Moore.

“Son escenas vistas desde o lugar da dor”, declara o director do Marco, “que pasaron, desafortunadamente, bastante desapercibidas. E creo que na medida en que se coñeza esa obra tamén medrará a proxección exterior de Colmeiro. Son obras que están á altura das de Castelao ou Seoane que tratan a mesma temática.”

Este verán, poderá verse en Compostela unha versión reducida da exposición do MARCO na que estes debuxos terán un meirande protagonismo.

Comentarios