A colección de arte completa de Abanca tamén será BIC

Abanca vén de informar de que todas as obras que compoñen a súa colección de arte, a máis importante de Galiza, estarán dentro da futura declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). 

arte-abanca
photo_camera Colección de Arte Abanca

Catro meses despois de que fose declarada BIC o seu fondo documental e bibliográfico, composto por 3.199 volumes, Abanca decide que a declaración de BIC -en trámite por parte de Patrimonio- afectará tamén a todas as obras da Colección, independentemente da orixe dos artistas e da modalidade artística. Deste xeito quedará "blindada" a colección, dado que esta declaración é o máximo nivel de protección que permite a lexislación. 

Do total de obras da Colección, 511 pertencen a autores vivos e 838 a artistas xa falecidos. Trátase da colección privada máis importante de Galiza e unha das mellores da Península. Creada co obxectivo de impulsar o mecenado artístico, reúne tanto a artistas galegos como internacionais cunha clara orientación cara a arte moderna e contemporánea. A colección está integrada por máis de 1.349 obras de máis de 249 artistas; pinturas, esculturas, fotografías, gravados, debuxos e instalacións de autores galegos como Castelao, Laxeiro, Seoane, Lugrís, Grandío ou Nóvoa, xunto a obras de artistas como Picasso, Leger, Miró, Dalí, Braque, Millares, Chillida, Tapies, Juan Muñoz, Barceló ou Cristina Iglesias, entre outros. 

Desde a privatización das antigas caixas, houbo moitos movementos con respecto á Colección. En 2014 Abanca cedeu o seu fondo bibliográfico á Biblioteca de Galiza, sita na Cidade da Cultura, que inclúe, entre outros moitos fondos e documentos, 66 incunables e documentos autógrafos de persoeiros como Castelao, Fernández Flórez ou Casares Quiroga.

Nos últimos meses, organizáronse varias exposicións coas obras da Colección nalgunhas das principais cidades galegas, prestáronse máis de 30 obras para formar parte de exposicións nacionais e internacionais. Unha parte significativa da colección será presentada en Madrid o próximo día 15 de outubro no Museo Thyssen Bornemizsa, baixo o título de “Picasso e o Cubismo na Colección de Arte ABANCA”. 
 

Comentarios