Unha mostra efémera con mensaxes entrelazadas en 3.000 máscaras

"Coidarnos", a homenaxe de Luz Darriba ás mulleres viste a Deputación en Vigo

Unha intervención artística para conmemorar o 8-M que colga da fachada da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo lembro o traballo sanitario e contén mensaxes de tres milleiros de mulleres.
mosaico
photo_camera Imaxes de 'Coidarnos' na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo e detalles da mostra 'Coidarnos é un acto político'. (Foto: Nós Diario)

A artista plástica e escritora Luz Darriba é, xunto coa súa filla menor Ticiana Ghiglione, a artífice da inmensa ‘rede de máscaras’ que desde o pasado 8-M adorna a fachada da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, que quixo neste 2021 reivindicar a “necesidade urxente da corresponsabilidade nos coidados”. Unha intervención artística, "Coidarnos", que se tivo que desenvolver en apenas dous meses e que uniu 3.000 máscaras cirúrxicas e as mensaxes doutras tantas mulleres, recollidas a través das redes sociais.

“Quixemos falar dos coidados, que facemos xeralmente as mulleres, e que son invisíbeis, non valorados, non recoñecidos e moitas veces tampouco son pagados como corresponde”, cóntalle a Nós Diario a artista Luz Darriba. Coa intervención "Coidarnos", trátase pois de pór en valor estes traballos “así como tamén o das mulleres sanitarias, que son 70% do total, e estiveron na primeira liña da pandemia e seguen a estar”, recalca.

Darriba, filla da diáspora galego-asturiana no outro lado do Atlántico, caracteriza a súa obra pola creación de obras de gran tamaño, colectivas, en feminino e efémeras. “Trato de levar á práctica ideas que sexan moi sinxelas e se entendan rapidamente aínda que o proceso sexa arduo, duro e nalgúns casos bastante longo”. Con Coidarnos “imaxinei as máscaras entrelazadas, porque quixen traballar con redes que nos inclúan a todas, as mulleres e as que se senten mulleres tamén”. 

Mais o traballo colectivo entrañaba, desta volta, unha dificultade engadida por mor das restricións sanitarias pola Covid-19. “O que fixemos colectivo foi a petición, a través das redes sociais, do envío de mensaxes relativas aos coidados, ao 8-M, ao que conseguimos e ao que nos falta por acadar, e logo inscribíronse nas máscaras, unha a unha”, relata a artista. 

Acción artística efémera e mostra complementaria

O colectivo é para Luz Darriba, "unha rémora da miña xeración, dos anos 70 e dos procesos que se xeraron entón", algo que ten instalado como un chip e do que non pensa desprenderse xa que "onde o individual se pon por riba de todo, pór o acento no colectivo é contracultural". 

"Practicamente todo o que fago é colectivo e penso que así ten que ser, porque as obras sofren un proceso desde que están na miña cabeza até que teñen vida, que se materializan, e que é motivado precisamente polo colectivo, pola interacción de moitas persoas, maiormente mulleres", argumenta Darriba.

E así, esta máxima levouna ao extremo "Coidarnos" e a colaboración da súa filla Ticiana, comisaria da mostra "Coidarnos é un acto político". Unha exposición que permanecerá na sala Rosalía de Castro, da sede da Deputación en Vigo, para a que se convidou "a 19 artistas a que interviñesen 10 máscaras cada unha".

"Un traballo moi bonito e moi interesante de ver", anima Luz Darriba, que ademais lembra que Ticiana Ghiglione tamén realizou "unha peza de son que dura máis dunha hora, na que 50 mulleres relevantes da cultura do país dan os seus pensamentos, cada unha desde o seu lugar, sobre o 8 de marzo e sobre como estamos as mulleres e sobre como queremos estar".

A súa novela "Abril" fala da Arxentina dos 70 baixo a ditadura

Luz Darriba, alén de artista plástica é tamén escritora. Recentemente publicou a súa novela Abril e con ela recuperou "unha parte que tiña relegada de hai anos e por fin me dei o permiso para expresar tamén dese modo", conta.

Sobre os proxectos de futuro, fala pois da "promoción de Abril, que até agora non se puido facer; e estou con outro proxecto que aínda está só na miña cabeza pero ten a ver con Maruxa Mallo", adianta a Nós Diario.

Comentarios