Os clásicos modernízanse en Carballo

Pouco a pouco, o Festival Internacional Outono de Teatro vaise achegando ao cuarto de século. Nesta súa vixésimo terceira edición, revisita os clásicos co gallo do 450 nacemento de Shakespeare. O 3 de outubro comeza un intenso mes de teatro en Carballo.

Mofa e Befa
photo_camera Mofa e Befa

Coa deste ano, serán xa 23 edicións, unha traxectoria de madurez que levou á capital bergantiñá a ser coñecida como un dos referentes teatrais galegos. E non é para menos. A oferta non só é ampla, senón tamén variada, e para todos os públicos. Durante o mes de outubro, Carballo somérxese no teatro, porque o teatro chega aos máis inesperados currunchos. Ás rúas, ás tabernas e pubs, mesmo ao edificio do mercado municipal. Sae, literalmente, ao encontro da xente.

"Con motivo do 450 nacemento de William Shakespeare, estase a cocer na vila do Anllóns un programa conformado por 28 espectáculos e 10 estreas"

A revisión dos clásicos será, ao longo destas catro semanas de outono, o fío condutor. Con motivo do 450 nacemento de William Shakespeare, estase a cocer na vila do Anllóns un programa conformado por 28 espectáculos e 10 estreas, entre as que podemos atopar todo un abano que vai dende as propostas máis convencionais e as representacións no auditorio, até a exitosa Rúa dos Contos (monólogos en diversas tabernas e locais carballeses) ou formatos máis novidosos como os que nos ofrece o Ciclo Otni (Obxecto Teatral Non Identificado), que recolle aquelas propostas ás que, pola súa orixinalidade, lles resultan apretados e incómodos os escenarios tradicionais. Ademais, teatro de rúa, monólogos e diversos actos paralelos. Entre eles, o Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís, as charlas cos elencos das compañías en "Café con", a Escola do Espectador, o Zoom FIOT (o seguimento do festival realizado por varios fotógrafos), a presentación do libro "Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego", ou o Fiotiño, unha noite na que @s máis pequenos da casa acampan no teatro para coñecer os seus segredos.

"De estrea chegan nesta ocasión os Mofa&Befa. Con Bobas @Galegas (Mofa@Befa no século de Ouro), Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, desacralizan sen reparos o teatro clásico español"

Para ver en butaca

De estrea chegan nesta ocasión os Mofa&Befa a Carballo. Con Bobas @Galegas (Mofa@Befa no século de Ouro), Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, desacralizan sen reparos o teatro clásico español, un contexto que ten sido moi pouco representado por parte do teatro galego. A versión en castelán da obra abriu o Corral de Comedias de Almagro, no Festival de Teatro Clásico. A Carballo tamén chegará a que está a ser considerada unha das apostas máis ambiciosas do teatro galego este ano, A Tempestade, a obra coa que a compañía Voadora procura levar ao límite o texto de Shakespeare.
O dramaturgo inglés tamén será reinterpretado pola compañía andaluza Las Grotesqués e pola chilena El Viaje Inmóbil. A primeira delas farao con Moito ruído e poucas noces, que poñerá en escea, cun persoal estilo, da man dunha directora xa premiada, malia á súa xuventude, Sonia Sebastián. El Viajeinmóvil somerxeranos na traxedia de Otelo, e farao apostando pola mestura, combinando o teatro visual e de obxectos co de actores e marionetas.

A programación en sala contará tamén con dous vellos coñecidos do FIOT: o exitoso humor intelixente de Ron Lalá e o teatro xestual de Yllana.  Con En un lugar del Quijote, a compañía madrileña Ron Lala amosaranos o froito da súa relectura do clásico de Cervantes, que foi finalista nos premios Max deste ano como mellor espectáculo de Teatro Musical. Yllana ofreceramos un clásico da ficción contemporánea, o mundo da mafia.  Non falta o toque gamberro nesta viaxe aos baixos fondos que leva por nome The Gagfather.

Sangue novo traerá a compañía catalá Obskené, unha formación nova, creada en 2008 e premiada nos Max de 2013. Con Fuenteovejuna, breve tratado sobre las ovejas domésticas, tráenos unha fresca revisión do clásico de Lope de Vega con reflexión de fondo sobre o poder e a mansedume.

Rafael Álvarez "El Brujo" estreará en Galiza El asno de oro, clásico entre os clásicos, que segue a sorprender, malia aos séculos pasados dende os anos dourados de Roma, polo humor co que reflexiona sobre a condición humana, a través dunha historia cando menos curiosa: a dun home transformado en burro e o seu particular proceso de caída, redención, crise e conversión.

"Rafael Álvarez "El Brujo" estreará en Galiza El asno de oro, clásico entre os clásicos"

Outro nome de sona que terá presenza no FIOT deste ano será o de Sergi López, considerado un dos mellores actores europeos. Coa compañía Setze Fetges Associats, trae á capital bergantiñá 30/40 Livingstone, que revisita un ítem tamén clásico: explorador, a exploradora á procura de aventuras, en procura permanente.

Coas tabernas de escenario

A Rúa dos Contos é unha das actividades paralelas de máis éxito do FIOT. Aínda que non sexas de ir ao teatro, é moi probábel que che apeteza botar uns risos coas e cos artistas que chegarán ás tascas e cafetarías da vila cos petos cargados de contos, monólogos, clown, maxia, música e xogos teatrais.

Serán en total catorce espectáculos, dos que tomarán parte o exitoso humorista carballés Rober Bodegas, a compañía de clown Os Sete Magníficos e mais un, e outros contadoras e contadores galegos que son referente, como Cándido Pazó, Isabel Risco, Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín. Ademais, estarán a vasca Estephanie LLaryora, os Regueifeiros de Galiza, Bacana, o Mago Teto, David Amor, Palito e Antón Cocheiro.

O máis alternativo

A experimentación cobra forma co Ciclo Otni, que chega este ano á sua quinta edición. Pablo Messiez, pertenente á última e aclamada xeración dramatúrxica chilena, escribe e dirixe para a compañía madrileña Grumelot Los brillantes empeños. Nunha familia conformada por tres irmáns e tres irmás, algo, que non se nomea, sucedeu, e afectoulle ás palabras. Sempre que é necesario acódese, como medicina e redención, a versos clásicos para expresarse. A compañía valenciana Panicmap atrévese, no que é o seu primeiro espectáculo, Harket, co mundo da ciencia ficción e das relacións entre arte e novas tecnoloxías. Faino con Harket, un proxecto transmedia con presenza en internet a través de blogs e redes sociais. Pola súa banda, a compañía vasca Macarena Recuerda Shepherd fará unha película en directo. En Greenweich art show segue a investigar as técnicas da animación en directo, o vídeo e o stop motion nunha historia na que superpón ficción e realidade. 

Comentarios