luns 06.07.2020

Un clásico realista de August Strindberg, en galego

O pai da moderna literatura do seu país
O escritor sueco August Strindberg. Foto: cedida.
O escritor sueco August Strindberg. Foto: cedida.

"Chegou á illa unha tarde de abril, coma un remuíño de vento, cun caneco de augardente pendurado do pescozo por unha correa. Clara e Lotten foran recollelo coa barca ao peirao de Dalarö, pero tardaron unha eternidade en atondalo todo denantes de saír". Dese xeito pon en situación August Strindberg (1849-1912) a súa novela A xente de Hemsö, un clásico do realismo sueco orixinal de 1887 e agora traducido ao galego por Marta Dahlgren. Públicaa Hugin e Munin.

Localizada na illa imaxinaria de Hemsö, en realidade a Kymmendö onde o autor pasou unha infancia marcada pola pobreza e o fanatismo relixioso, a obra de Strindberg pinta, segundo a editorial, "un conmovedor fresco poboado por personaxes pragmáticos e sinxelos, con eivas e virtudes, que alternan as frustracións cos pequenos triunfos cotiáns". A crítica relacionou o libro coa lectura de Rousseau que ocupou ao escritor durante aquela época. "É un testemuño honesto das súas vivencias de infancia e unha homenaxe á forma de vida dos insulares rurais do arquipélago de Estocolmo", engaden desde Hugin e Munin.

Dramaturgo socialista

Strindberg é a pedra fundacional da moderna literatura sueca. No seu haber cóntase sesenta obras de teatro e outros trinta volumes de ficción ou ensaio. A súa escrita adianta teimas e técnicas do expresionismo, aínda que A xente de Hemsö representa unha vertente case documental. Non por acaso baseouna nos cadernos de notas recollidas nas súas viaxes a Kymmendö.

Politicamente radical, conservou durante toda a súa vida un punto de vista socialista con tendencias anarquistas adquirido no ronsel da Comuna de París. Non sen contradicións, amosou ben cedo a súa simpatía polo sufraguismo.

comentarios