O clarinetista salvaterrense regala polo seu aniversario o tema que abre o seu primeiro disco en solitario, "Calma"

Fernando Abreu presenta "Ninety milles", primeira peza musical en solitario

Fernando Abreu, clarinetista de Salvaterra de Miño, aproveitou o seu aniversario para regalar aos seus amigos nas redes o tema que abre o que será o seu primeiro traballo en solitario, "unha obra de arte composta por literatura, fotografía e, por suposto, música". 
Ninety Miles 2
photo_camera Praia homónima que inspirou o tema "Ninety milles" de Fernando Abreu

O máis normal é que no aniversario dun se reciban presentes, non que se ofrezan, pero o clarientista Fernando Abreu (1967, Salvaterra de Miño) decidiu saltarse os estándares sociais e regalar aos seus amigos nas redes "por todo o cariño que recibo neste 54 aniversario" algo inédito, unha peza musical. 


"Ninety milles" é o nome do tema que abre o seu primeiro disco en solitario, que se chamará Calma. Unha "obra de arte a tres bandas: literatura, fotografía e, por suposto, música", que espera poder presentar antes de Semana Santa, fai saber Abreu nunha conversa con Nós Dario.


O tema instrumental leva o nome dunha praia ao norte de Nova Zelanda, onde residiu durante uns meses e onde compuxo esta peza ao piano. "A localización é impresionante, cando a marea está baixa os vehículos poden circular por ela e a sensación de estar aí é como a de permanecer no medio da inmensidade". Iso mesmo é o que quere transmitir no seu primeiro videoclip, con imaxes gravadas por el mesmo na praia   neozelandesa e editado polo seu irmán, Gus Abreu. 


O disco, "composto sen obxectivo de ser publicado, nace durante o confinamento e para as sesións en liña de Voarte" (plataforma xerada por Víctor Orive baseada na sinerxía de artes e técnicas psicocorporales para a autorrealización). Vendo que existía "material digno de ser gravado díxenme, 'voume dar o capricho de facer un disco propio'", conta Abreu.


Aínda que se denomine como traballo en solitario "teño numerosas colaboracións dentro deste proxecto, xa que quixen que fose algo familiar e dedicado aos amigos". Por iso conta con achegas de amigos músicos como Alberto Vilas, responsabel da interpretación ao piano en todas as pezas ou a súa ex alumna Silvia Mella, quen se encarga da parte fotográfica. 


Dentro do repertorio, existen cancións con grandes historias como "Para Luisa": "É unha compañeira dos obradoiros que toca a guitarra de maneira amateur; un día mandoume unha aromonía que lle facía sentirse ben mentres superaba a Covid e a partir de aí fun improvisando a melodía co clariente e cunha frauta de cana". 


Calma tamén contará cunha parte literaria, na que "diferentes persoas relacionadas cos temas dunha maneira ou doutra escribirán un pequeno texto sobre estes", conta Abreu.

Comentarios