Contracultura

Clara Iglesias: "Compartimos un acervo cultural coa Europa occidental e, en concreto, cos países celtas"

Clara Iglesias, profesora e parte da directiva da Asociación Cultural Vagalumes, vén de presentar A Estrada encantada, unha obra editada polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra que recolle mitos, lendas e contos do concello de Tabeirós-Terra de Montes. Iglesias, que presentou onte o libro, escribe sobre a perda do patrimonio inmaterial e das conexións con outras culturas.
Clara Iglesias forma parte da directiva da Asociación Cultural Vagalumes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Clara Iglesias forma parte da directiva da Asociación Cultural Vagalumes. (Foto: Nós Diario)

Como xorde A Estrada encantada?

Dentro do traballo que facemos na asociación, os nosos obxectivos están centrados na lingua, no patrimonio e na memoria histórica. Hai uns meses, realizamos un traballo sobre os cruceiros como patrimonio material que debe ser preservado e na mesma liña pensamos que quizais se este está abandonado, normalmente pola desidia e o desinterese institucional, o patrimonio inmaterial estará aínda peor.

Un modo de recuperar o que se esqueceu coa transmisión oral.

Realmente, moito do que recollo xa estaba por escrito nun libro de Manuel Reimóndez Portela, que foi alcalde da Estrada e, ideoloxías á parte, fixo un labor importante de recollida do patrimonio. Tamén recollín relatos doutras fontes documentais e de informantes directos. Alén, si que é unha compilación de relatos, mais tamén intento clasificalos e darlles unha interpretación. Por outra parte, este traballo que fixen eu debería ser ampliado porque seguramente con anos e anos de dedicación aínda sería posíbel recuperar do esquecemento moitos máis relatos dos que eu fun quen de xuntar. 

Atopou relatos descoñecidos ou que corresen ese risco de desaparecer?

Atopei lendas moi curiosas e que eu descoñecía por completo, por exemplo, sobre a aparición do demo en determinadas figuras animais. Hai que ter en conta que a transmisión foi interrompida a mediados do século XX cando muda o modelo social: evolucionamos dunha sociedade rural cara a un modelo urbano e de suposta modernidade e todo o que caeu fóra quedou no esquecemento. Por isto, hai moitas lendas e mitos que eu descoñecía. 

Tamén recollín cuestións históricas. Por exemplo, a nai do bispo de Iria Flavia do século IX era da parroquia de Arnois da Estrada e hai un ritual coa terra da súa sepultura que ten poderes eutanásicos. Cando hai un enfermo que ten un sufrimento moi grande mais non acaba de morrer, hai que coller a terra de dentro do sepulcro, que para iso xa hai un furado feito a propósito, e poñelo debaixo da almofada do enfermo. Isto axúdao, din en Arnois, a desprenderse, que é un verbo moi bonito. Desprenderse do sufrimento e encamiñar a alma cara outra dimensión. 

Nesta análise dos mitos, hai algún patrón común?

É corroborar algo que xa imaxinaba. Moitas veces pensamos que Galiza é un territorio poboado por meigas, demos, Compañas e demais, que por suposto que o é e todo iso ten un valor que nos conforma a nós como nación. Eu non son antropóloga e tiven que informarme moito para ver que compartimos un acervo cultural con toda Europa occidental, cando menos, e, en concreto, cos países celtas. Un exemplo é o caso da Compaña que, por certo, non é santa. Isto é unha cousa que digo no libro, porque ese adxectivo posibelmente se lle puxo a raíz do mundo relixioso. Realmente, os informantes chámanlle Compaña, porque de santa non ten nada: son ánimas en pena que serven para avisar de desgrazas e de defuncións. 

A cuestión é que posibelmente a orixe deste mito veña das primeiras invasións xermánicas do século V, traendo o mito da cacería infernal. Esta está conformada por xinetes que galopan polo ceo acompañados por unha manda de cans perseguindo animais fantásticos e o camiñante que sae pola noite e que ten a desgraza de ver isto debe trazar un círculo no chan e tirarse de forma que non o vexan. Tamén é un aviso para a comunidade dunha desgraza ou dun falecemento. Isto é un patrimonio cultural que nós adaptamos, mais que compartimos con outros pobos: a Compaña adaptouse á nosa organización social e ás nosas parroquias, xa que no seu traxecto nocturno nunca sae dos límites desta. 

Comentarios