Ciro Brións recolle o Premio Concello de Carral por 'Oídos de espeleóloga'

O certame de poesía está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra.
Jorge Luis Bueno, Ciro Briones e Ana Fernández Soneira na Universidade de Vigo (Foto: UVigo).
photo_camera Jorge Luis Bueno, Ciro Briones e Ana Fernández Soneira na Universidade de Vigo (Foto: UVigo).

A Casa da Cultura de Carral (comarca da Coruña) acolleu onte o acto de entrega do XXVI Premio de Poesía Concello de Carral. Por unha parte, o evento serviu para conceder o galardón desta edición ao escritor Ciro Brións (Pobra do Caramiñal, 1996), que conquistou o xurado con Oídos de espeleóloga.

Pola outra, na cita presentouse oficialmente Trono e caléndula, a obra coa que Carlos Penela (Vigo, 1975) gañou a anterior convocatoria do certame. 

Ademais da propia entrega, o evento contou coa presentación do recital poético e musical Os puntos do impacto, creado polo escritor Álex Mene e a violoncellista Margarida Mariño a partir do poemario do mesmo título que se converteu, en 2021, no gañador do certame carralés. 

Linguaxe coidada

O poemario gañador escolleuse entre un total de 90 obras presentadas nesta edición, un récord para este certame que tiña a súa mellor cifra de participación en 56 libros.

Ciro Brións é un autor que xa conta con varios galardóns,  como os de poesía e de ensaio da Universidade de Vigo (2020) ou o Premio de poesía Xuventude Crea (2020 e 2022).

O xurado salientou do libro gañador deste ano a súa coherencia, o ritmo, o coidado da linguaxe e a súa harmonía verbal. “É un poemario que explora liricamente espazos da desolación e afonda na reflexión metafísica”, apuntan. 

O premio Concello de Carral está dotado na actualidade con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. Ademais desta dotación económica, o libro pasará despois a formar parte da propia colección desta editorial galega.

Comentarios