venres 28/01/22
Entrevistamos Uxía

"Virarse cara a Portugal é, evidentemente, un tema político"

Artista no máis amplo sentido da palabra –é música, cantora, animadora cultural, renovadora da música, imán para o talento…–, Uxía vén de recibir o premio da Música Independente ao mellor álbum galego con Uxía-o. Entrevistámola no número 290 de Sermos Galiza. Eis un extracto.

[Imaxe: Laura R. Cuba] Uxía
[Imaxe: Laura R. Cuba] Uxía

1O teu nome está ligado indiscutibelmente co termo lusofonía. Tes apuntado mesmo á ilusofonía. Que é?

En realidade foi un termo que acuñou Chicho César, no décimo aniversario de Cantos na Maré, e pareceume un termo moi romántico e un soño que xa non é tan utópico como parecía. O que pretende Cantos na Maré é trazar ese mapa da lusofonía, dos afectos, da orixe común. A música fai que nos aproximemos e poidamos unir un alalá cunha morna ou cun fado ou unha samba. Non me imaxino eu, como a artista, sen esa teima de afondar nesa nosa lingua común, que creo que é o futuro e nos posibilita a comunicación con millóns de falantes e cunha sensibilidade común. Non deixo de ir a Portugal, ao Brasil e aos países africanos destes territorios. Existe ese outro concepto que é a Galiza imaxinaria, a que se pousa no corazón das persoas mesmo se non son de aquí, é un sentimento, simplemente basta coa vontade de coñecer este lugar. Esa posibilidade de comunicación con todos eses territorios é un tesouro que nós temos. De feito, Cantos na Maré xa é unha especie de familia, que ao fin e ao cabo é do que se trata. Por moitas leis que se fagan, como a Lei Paz Andrade…

Que está sen desenvolver, por certo.

Pero hai que darlle contido e nós tamén temos a responsabilidade de darlle contido e ter tamén a complicidade das administracións que queiran abrirse a este mundo. Creo que con Portugal hai pequenos pasiños que se van dando, sobre todo no norte, con outras experiencias importantes como Ponte nas Ondas, festivais como o que existe en Braga, esa semana de converxencia Galiza-Portugal, importantísima, fundamental para entender esa relación alén Miño da que o Zeca Afonso era activista. Eu considérome un pouco activista tamén. Temos que intentar facer coprodución, tentalo no teatro, no cinema, na poesía… E evidentemente é un tema político, virarse cara a Portugal, porque Galiza sempre foi unha cultura universal.

Es tamén produtora. Existe industria musical na Galiza?

Eu creo que é unha industria musical en evolución, e si que a hai, só que aínda é cativa. Creo que temos que potenciala, darlle forza e, certamente, se analizamos ben a xente que se dedica á cultura profesionalmente hai moitísimos bos profesionais e cada vez que hai unha oportunidade para exportar, aí está, porque creo que aínda non se sabe ben todo o oficio que hai aquí de tantos anos. Ao mellor como o fixemos sempre desde a resistencia, aprendemos a manexarnos e a resistir e a agardar, mais eu confío en que toda esa industria se potencie.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 290 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

"Virarse cara a Portugal é, evidentemente, un tema político"
comentarios