De 7 a 28 de novembro

Cineuropa en feminino

A 33ª edición de Cineuropa chegará a Compostela facendo eco da ollada feminina, con especial atención ás obras de novas creadoras e creadores e ás problemáticas ecolóxicas. Deste xeito, homenaxea María Vázquez, Emma Suárez e Rita Azevedo Gomes. Case 200 títulos, entre os que destacan 19 estreas na Galiza, traerán o mellor do cinema europeo e internacional á capital galega. O cinema galego terá tamén garantido un espazo con 17 títulos entre os que están as estreas de Arima, de Jaione Camborda, Longa Noite, de Eloy Enciso e Eroski Paraíso, de Chévere.

[Foto: cedida] Presentación da programación de Cineuropa
photo_camera [Foto: cedida] Presentación da programación de Cineuropa

Case 200 títulos compoñen a programación da 33ª edición de Cineuropa, que dará comezo a 7 de novembro e prolongarase até 28 de novembro. A competición oficial inclúe cinco categorías: Europea, Panorama Internacional, Doc Cineuropa, Latidoamericano e Animaeuropa, con cadanseu premio do público. As seccións paralelas estará destinadas a conectar os filmes e reforzar as súas temáticas, con especial atención ás traxectorias de cineastas como Chantal Akerman, Agnès Varda e Jonas Mekas ou da crítica Pauline Kael. Estas seccións tamén mirarán na produción de Jessica Hausner, terán filmes vencellados a varias temáticas, como o cambio climático ou a emerxectvia ecolóxica, así como á vixencia do test de Bechdel na produción actual de Hollywood.

cineuropacartaz

Ema, de Pablo Larraín , será a encargada de inaugurar o festival a vindeira cuarta feira 7 de novembro, seguida da entrega do premio que recibe a actriz María Vázquez. Como homenaxe, proxectaranse os filmes Mataharis, Trote e Quien a hierro mata durante o festival. Do mesmo xeito, a realizadora portuguesa Rita Azevedo recibirá o seu premio o sábado 16 de novembro. A organización destaca da súa obra, moi vinculada a Galiza, “unha factura cinematográfica moi escénica que ten ramificacións e ecos doutras artes como o teatro ou a pintura”. Alén da estrea do seu último filme, Danses macabres, squelettes, et autres fantaisies, poderá verse en Cineuropa A portuguesa e Vingança de uma mulher. Emma Suárez recibirá o seu recoñecemento no último día do festival, contando coas proxección El perro del hortelano, La propera pell e Vacas.

Sección oficial

Cineuropa acollerá un total de 19 estreas de películas a nivel estatal, para alén de nove preestreas. Deste xeito, o público poderá ver Kuessipan, de Myriam Verrealut; L'adieu á la nuit, de André Techiné; ou Canción sin nombre, de Melina León. Tamén haberá un espazo para a presentación de filmes galegos que chegan por primeira vez ao público, cos pases de Arima, ópera prima de Jaione Camborda, que compite na sección oficial europea; Eroski Paraíso, a adaptación da obra teatral de Chévere asinada por Jorge Coira e Xesús Ron; ou Longa noite, de Eloy Enciso, que escolleu tres títulos que inspiraron a súa longametraxe e que se proxectarán na sección denominada Carta branca, no marco da programación paralela.

O festival tamén será un espazo de exhibición para traballos como La hija de un ladrón, a ópera prima de Belén Fumes logo do seu paso por San Sebastián; La ola verde (que sea ley), de Juan Diego Solanas; ou Si me borrara el viento lo que yo canto, de David Trueba, quen presentará este traballo en Compostela. Ademais de Trueba, Cineuropa contará coa presenza de nove directoras e directores, moitas das cales estrean película no festival: Iratxe Fresneda (Lurralde hotzak), Eloy Enciso (Longa Noite), Jaione Camborda (Arima), Emmanuelle Bonmariage (Manu), Sharipa Urazbayeva (Mariam), Théo Court (Blanco en blanco), Andrés Duque (Carelia: Internacional con monumento) e Jorge Coira e Xesús Ron (Eroski Paraíso).

[Foto: cedida] Fotograma de 'Arima', de Jaione Camborda

Na sección oficial europea haberá un total de 35 títulos en competición, entre os que destacan Madre, de Rodrigo Sorogoyen, Vitalina Varela, de Pedro Costa (Premio Cineuropa 2012); ou Sharipa Urazbayeva con Mariam. Nela estarán tamén o último filme de Jessica Hausner, Little Joe, unha das mellores directoras do momento a quen o festival dedica unha sección especial na programación paralela, titulada Control/Descontrol.

Os documentais suman 20 títulos como Selfie, de Agostino Ferrente; Jawline, de Liza Mandelup; ou Delphine et Carole, insoumuses, de Callisto McNulty. Pola súa banda, Latidoamericano concentra gran número de obras de realizadores e realizadoras novas, como Monos, por Alejandro Landes; Familia sumergida, opera prima de María Alché; Blanco en blanco, de Theo Court; ou Ceniza negra, de Sofía Quirós. Esta edición do Cineuropa adica ademais unha sección oficial ao cinema de animación, que acumula numerosos títulos destacados neste ano.

Seccións paralelas

A programación paralela do festival prestará especial atención á situación e ollada da muller no cinema, especialmente a través de “Betchdel en Hollywood”, sección que reflexiona sobre a presenza feminina no cinema norteamericano. Sorprendentemente, todos os filmes proxectados o superan esta proba, segundo salientan desde a organización, agás Riddles of Spinx, un ensaio que, precisamente, reflexiona sobre o papel das mulleres no cine.

Ademais, manteranse actividades como os filmes sorpresa, que pasan de un a tres. O maratón, titulado “o mundo contra min”, incluirá un filme dos 70, algúns dos 80 e un actual, película de estrea moi relevante, segundo adiantaron na presentación. O festival contará tamén cun ciclo sobre Cinema e Cambio Climático, “Os últimos días do Edén”, no que se enmarcan títulos que se estrearon en poucas salas, como é o caso de Voyage of time: life´s journey de Malick, filmes considerados obras mestras como Planeta azul de Franco Piavoli ou outros cun alto compoñente ecoloxista como A princesa Mononoke.

Entradas

As entradas e bonos poderán mercarse desde a vindeira segunda feira 4 de novembro a través do portal compostelacultura.gal e na billeteira do Teatro Principal. O abono poderá mercarse tamén por Internet. O portal www.cineuropa.gal recollerá toda a información da programación desta edición, así como outros contidos de interese que poidan resultar de utilidade para o público de Cineuropa.

Comentarios